No período 2007-2010 destinaranse 3.657 millóns de euros para loitar contra a Galiza de dúas velocidades e dinamizar así as comarcas máis deprimidas.
Quintana e Touriño na presentación do plan
O presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, e o vicepresidente, Anxo Quintana, presentaron este luns en Santiago o Plan de Reequilibrio Territorial, unha das principais apostas do executivo de coalición. Entre 2007 e 2010 destinarase a este plan 3.657 millóns. Desta cantidade total a Xunta achegará 2.672 mentres que os 985 restantes procenden de fondos estatais.
Dende a Xunta consideran que é o maior esforzo da historia de Galiza para reequilibrar socioeconomicamente o país. Para isto márcanse 25 concellos que “actuarán como polos de atracción do investimento, imáns para fixar poboación da Galiza interior e focos de medre económico”
O plan estipula 500 actuacións concretas divididas en cinco eixos sectoriais: infraestruturas produtivas; medio ambiente; equipamento social e vivenda; medio rural e pesca; e promoción económica.
Touriño sinalou que “Galiza aínda ten unha materia pendente: a do seu propio reequilibrio interior, a superación dun país de dúas velocidades, as súa converxencia interior”. Lembrou que no 88% do territorio vive un 37% da poboación nunha “Galiza máis atrasada e envellecida que non acada o 85% da renda media”. Quintana considera que o programa vai ser decisivo para revitalizar as comarcas rurais do país.
Pode consultar aquí os pormenores do plan.