Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Emilio Fernández, director xeral de Desenvolvemento Sostible

"Conseguir a a racionalidade nos planeamentos é un labor de anos"

Vieiros falou con Emilio Fernández, quen considera que posicións como a de Pescanova sobre Touriñán son "inaceptábeis", malia ser optimista cara ao futuro.

Roberto Noguerol - 09:45 24/06/2007

A 'Guía para comunicar políticas de responsabilidade social corporativa (RSC) nas pequenas e medianas empresas', manual elaborado por unha institución internacional, Global Reporting Initiative, estará en breve dispoñíbel en galego para o empresariado do país. É unha das iniciativas propostas esta semana pola dirección xeral de Desenvolvemento Sostible, a pé dun convenio para a participación das empresas galegas nos 'Premios Europeos de Medio Ambiente'. Sobre a lenta incorporación de criterios de sustentabilidade no escenario económico galego, Vieiros falou con Emilio Fernández, director xeral.

Temos a impresión de que o tema da sustentabilidade até o de agora apareceu moi pouco nas axendas políticas e empresariais...
A nosa intención é darlle un cambio a esta tendencia. As empresas xeran un impacto importante sobre o medio e nós tratamos de que neste debate pasemos dunha visión estritamente ambientalista a unha visión máis social. Isto quere dicir que buscamos unha perspectiva máis moderna sobre as implicacións, onde a empresa pase a unir ao concepto de sustentabilidade criterios máis amplos. As accións terán por iso un obxectivo triplo. Por unha parte referímonos a que sexan favorábeis ao medio ambiente, que as empresas se compromentan coa preservación de valores ambientais. Pero ademais, queremos a promoción de criterios sociais, é dicir que se atenda a criterios por exemplo relativos á conciliación familiar e laboral dos traballadores, redución de sinistralidade ou inserción social de minorías. E unha terceira liña é o estímulo da innovación e do crecemento, é dicir, non hai que esquecer que necesitamos empresas competitivas, que busquen maneiras de mellorar a rendabilidade e a súa solvencia a través destas accións.

E que prioridades teñen vostedes para o fomento da Responsabilidade Social Corporativa desde o punto de vista do medio ambiente?
Pensamos que a incentivación e o destaque de quen se compromete con estas boas prácticas pode servirlle de exemplo ao resto para que vexan as vantaxes competitivas de avanzar por estes camiños. É unha das razóns polas que decidimos crear estes premios específicos para pemes. As empresas teñen problemas para acceder a este tipo de iniciativas, que ven como algo afastado delas. Xa que logo, a meta é que o vexan como algo máis próximo, que se acostumen a traballar a escala de país, analizando o que poden facer neste sentido e como iso crea un valor que redunda en beneficio dos seus proxectos. A través da dirección xeral estimulamos no seu momento a elaboración de memorias de sostibilidade nas empresas, para que estas fagan públicos os seus datos e compromisos neste sentido. Industria traballa agora tamén nesta dirección, e nós, a xeito complementario, investimos por exemplo neste tipo de premios que tratan de proxectar o valor da Resonsabilidade Social Corporativa nas empresas.

Vostede cre que hai receptividade ao respecto no contorno empresarial?
Penso que estamos conseguindo que isto sexa así. A curto prazo por exemplo, teremos xuntanza coa Confederación Galega de Empresarios para vermos no eido da formación o que se pode facer, definindo as necesidades e posíbeis proxectos a desenvolver conxuntamente de cara á promoción da Responsabilidade Social Corporativa. En Galiza hai bos exemplos de empresas movéndose nese sentido e moitas parecen estar moi motivadas para avanzar neste campo. O proxecto formativo do que falabamos, por exemplo, xorde do propio interese dos empresarios por crear as bases para isto.

Noutros lugares observouse que as empresas reaccionaron máis rapidamente que a propia administración fronte a cuestións relacionadas coa RSC...
Penso que isto é así. Existen empresas con estratexias de RSC importantes e mesmo pioneiras nalgunhas cousas e que van por diante do que a propia administración está levando a cabo. Por iso nós pretendemos empezar empezar nesa liña: estimular e incentivar o interese das empresas por destacárense nesas prácticas. En función da resposta que se vaia obtendo poderán deseñarse novas accións. Pero é evidente que o empresariado non é, non pode ser, parvo, e detectou o valor deste compromiso.

Pensa vostede que dalgún modo, os efectos do crecemento económico, no sentido de impacto no ambiente, estanse percibindo con atraso, agora en Galiza, e que iso axuda a que esta preocupación estea máis de actualidade?
É certo. Pero tamén hai que lembrar que se ben de momento existe unha relación importante entre crecemento económico e impacto no medio, o futuro pasa por desacoplar eses factores. Isto é, creando crecemento que estea máis baseado no coñecemento e na innovación e menos en zoupar no ambiente. E esa é precisamente a intención deste Goberno e a dirección na que van as políticas da Xunta. E penso que agora mesmo debera preocuparnos incluso máis o impacto da urbanización descontrolada que o das empresas, que veñen estando suxeitas a controles importantes.

Posicións como a de Pescanova ao respecto de Touriñán ou casos como o da planta de Reganosa en Ferrol, non implican unha importante resistencia aínda? Realmente podemos ser optimistas?
Estamos nun momento de transición cultural en canto ao que a sustentabilidade se refire. Pasamos de visións economicistas á procura de puntos de equilibrio. Desde ese punto de vista é lóxico que haxa conflitos e tensións. Debates que antes non existían aparecen agora, e iso é bo. Pouco a pouco o valor do territorio pesa máis que outros criterios, e trátase de buscar compatibilizar determinadas accións sobre o medio, de forma que sempre o respecto ao contorno se teña en conta.

Casos coma estes non son para poñernos aínda un suspenso? Cre vostede que a medio ou curto prazo conflitos empresa-ambiente dese tipo van desaparecer en Galiza?
Sempre haberá estes debates, porque falamos de conflitos de intereses moi fortes. E é evidente que en Galiza temos necesidade de sermos exitosos no labor de poñerlle racionalidade aos planeamentos. Niso fomos e somos deficitarios en Galiza. Non temos ese tipo de cultura de planificación realmente asumida e por iso hai moito camiño por avanzar. Pero coa progresiva introdución de criterios de racionalidade, esas leas vanse reducir co tempo.

Coincidirá en que un caso como o de Pescanova e Touriñán é paradigmático ao respecto do que falamos...
Os conflitos tamén son necesarios na medida en que xeran debates, pero insisto en que cada vez iranse resolvendo de xeito máis racional. Porque hai que recoñecer que en casos coma este do que falamos asistimos a determinados argumentarios resultan cando menos chocantes e inaceptábeis. Progresivamente vaise avanzando na identificación co territorio e os cidadáns tamén son máis conscientes da importancia destas cousas. É un labor de anos conseguir cambiar a situación cara á racionalidade nos plans e a identificación co territorio.

A presión cidadá, o interese social por estes temas, parece elevado, que pensa vostede, fará de panca para que a sustentabilidade sexa un criterio dominante?
É fundamental. A opinión cidadá é importante e as administracións teñen que tomar medidas mesuradas e analizadas en función diso. Pero tamén hai que pensar en que os cidadáns non son hoxe aínda conscientes de moitas prioridades ao respecto destes temas. Pensemos por exemplo en que hoxe en día non hai unha percepción maioritaria entre os cidadáns de que exista un problema coa mobilidade e o transporte nas cidades. Pero o problema está aí, e en pouco tempo duplicáronse as emisións sen control. Tiñamos que estar pensando xa en poñer en marcha accións prioritarias e ambiciosas neste sentido, e máis con todo o cidadán non pensa aínda que aí haxa unha prioridade. Temos que mudar iso. Hai que introducir racionalidade e tratar de formar os cidadáns tamén ampliando ese abano de preocupacións. É un labor de anos.


4,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: