A comunidade virtual Tree-Nation pretende crear un parque con forma de corazón no deserto do Sáhara, en Níxer.
Un planeta, un corazón, oito millóns de árbores. Este é o lema de Tree-Nation, unha comunidade virtual que pretende crear un bosque con forma de corazón no deserto do Sáhara, co obxectivo de loitar contra a pobreza e o quecemento global.
Xa que logo, a causa non é só ambiental, senón que tamén busca mellorar o benestar das comunidades locais a través da agricultura, así como tamén a calidade da educación. Outro aspecto que salientan os impulsores deste proxecto é que servirá para a prevención da desertización e a rexeneración da terra.
A idea é unha das varias que forman parte da campaña Plant for the Planet do Programa das Nacións Unidas para o Ambiente (UNEP, nas súas siglas en inglés) que busca plantar 100.000 millóns de árbores durante todo o ano 2007, para reverter en parte os danos causados no planeta pola acción do home.
'Apadriñar' unha árbore
Tree-Nation ofrece a posibilidade de mercar, regalar, ou 'apadriñar' un exemplar a través da súa web e decidir en que lugar do parque quere que sexa plantado. Ademais, pódese elixir entre diferentes especies, tal como a acacia do Senegal ou o baobab -que oscilan entre os 10 e os 75 euros-, e seguir o seu desenvolvemento a través de coordenadas GPS, mapas e fotos.
O lugar elixido para crear o bosque atópase en Níxer. Este país africano é un dos máis pobres do planeta e dúas terceiras partes do seu territorio forman parte do deserto do Sáhara. No entanto, os promotores de Tree-Nation aseguran que o seu crecemento é posíbel grazas aos depósitos de agua que flúe polo subsolo, xa que o sistema de raíces das plantas atráena cara á superficie.
Crise en Níxer
Por outra banda, a organización humanitaria Acción contra a Fame denunciou este xoves que un de cada sete nenos menores de cinco anos sofre desnutrición aguda en Níxer. Esta situación poderíase agravar a partir deste mes de xuño co comezo da chamada soldadura, o período de escaseza de alimentos que se rexistra entre o esgotamento das reservas familiares da última colleita e o inicio da seguinte.
"Dous anos despois da crise alimentaria que sufriu o país, Níxer vive unha fráxil estabilidade marcada por persistentes taxas elevadas de desnutrición aguda", afirmou a ONG nun comunicado