Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Escudos preconstitucionais e outros

Díaz confirma que o concello retirará a simboloxía franquista de Ferrol

A concelleira de Cultura da cidade anunciou este venres o encargo do proxecto económico, que contará cun orzamento de 5.000 euros.

Redacción - 17:45 22/06/2007

A primeira tenente de alcalde de Ferrol e responsábel da área de Cultura, Iolanda Díaz, de Esquerda Unida (EU), anunciou este venres que o departamento municipal xa encargou os proxectos económicos precisos para iniciar a retirada de símbolos franquistas da cidade.

O investimento previsto para as dúas actuacións está ao redor dos 5.000 euros. A maior parte destinarase á substitución da actual vidreira da casa do concello, situada nas escaleiras de entrada do edificio, e o escudo franquista co que está ilustrada será substituído por un constitucional. A vidreira está rota en sete puntos dende xullo de 2006, cando varios descoñecidos a apedraron dende o exterior.

Sacar o 'aguilucho' da biblioteca

A segunda intervención prevista, en colaboración coa Concellaría de Obras, será a retirada do escudo preconstitucional, "o aguilucho", segundo o definiu Iolanda Díaz, que preside a entrada da biblioteca central de Ferrol. En caso de que os técnicos de cultura determinen que posúe algún valor artístico, será conservado.

"Deixarase limpa a entrada dun centro de pensamento, de cultura, de actividade crítica como é a biblioteca, que non pode estar presidido por ningún tipo de simboloxía que retorne ao franquismo, ás torturas e ao sangue", segundo subliñou a tenente de alcalde.

A Cruz dos Caídos de Amboaxe

A seguinte prioridade nos plans de EU-IU para limpar a cidade de símbolos franquistas está na Praza de Amboaxe. Trátase dunha actuación que Díaz considerou "máis complicada", e para a que avanzou que se vai convocar un concurso público onde os escultores locais expoñan unha "peza digna" coa que substituír a actual Cruz dos Caídos, erixida en lembranza dos mortos do bando franquista durante a Guerra Civil española.


4,93/5 (14 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: