Co ascenso a 2ª case no peto e con dous goles nas maletas, os ferroláns marcharon na quinta cara Alacante, onde xogarán o histórico partido na tarde do sábado.
Na ida o Racing de Ferrol gañou por 2 goles a 0 ao Alacante. No sábado, ás 18:30 horas no Estadio José Rico Pérez xogan ámbolos dous equipos o partido de volta, do que un dos dous equipos será proclamado duplo gañador: gañador do partido e gañador na loita polo ascenso á 2ª División do fútbol profesional estatal.
Os ferroláns marchan abondo ilusionados, xa que, segundo dixo Repi, o xogador máis veterán dos de Ferrol, "O Racing ten caché para estar nunha categoría superior e para nós ten que ser un orgullo vestir esta camisola".
É a terceira vez en sete anos que o equipo de Ferrol ten a oportunidade de recuperar a categoría perdida e obter o ascenso. Por iso vai aló o plantel completo, mesmo algúns lesionados, para non perder a oportunidade de celebrar a subida á categoría de prata do fútbol estatal.