Tres antigos dirixentes militares son obxecto do castigo xudicial polas súas accións durante a guerra que rematou en 2002.
Medio millón de persoas foron vítima en Serra Leona dos asasinatos, mutilacións e ataques diversos lanzados contra a poboación durante o conflito.
Esta semana, Alex Tamba Brima, Brima Bazzy Kamara e Santigie Borbor Kanu convertéronse nos tres primeiros condenados por crimes de guerra naquel país. Os tres ex militares foran imputados hai catro anos na súa condición de líderes do Consello das Forzas Armadas Revolucionarias que hai dez anos botou abaixo o goberno do país a través dun golpe de Estado.
Foron acusados de diversos crimes concretos, entre eles a de promover grupos que arrasaron e queimaron vilas, obrigaron a cativos a integrarse no exército e escravizaron a outros para traballar nas minas de diamantes, violaron mulleres e realizaron asasinatos masivos.
O Tribunal Especial ten o apoio da ONU e desde a entrada en funcionamento en 2002 iniciou accións xudiciais contra unha ducia de persoas, incluído Charles Taylor, ex presidente de Liberia, a quen acusaron de darlle apoio a grupos rebeldes en Serra Leona.