Dirixe o novo consello da Associaçom Galega da Língua, substituíndo no cargo ao burelao Bernardo Penabade. Vieiros falou con el sobre a actualidade lingüística.
Alexandre Banhos nunha charla na Esmorga
Vieiros: Cales son os retos aos que se enfronta a AGAL na actualidade?
Alexandre Banhos: Son basicamente dous: o primeiro, un contributo serio e comprometido, pondo barreiras á desfeita que estamos a vivir, para que teña paraxe. Se les O polegar do panda (de Stephen Jay Gould, editado por Gradiva na colecção Ciência Aberta), hai unha conclusión que se pode estender a isto: "hai fenómenos que non se notan nunha evolución e ao ollalos poden pasar desapercibidos, mais que se non se mudan, en moi pouco tempo causan unha debacle".
O segundo, é que nós temos unha lingua que dispón dunha excelente autoestrada para andar polo mundo, o galego internacional, temos que saír dos camiños de cabras, que ademais estan todos moi rodados polos "off roads" españois: Portugal e o portugués son a creación do xenio galego, en palabras do grande historiador lusitano Alexandre Herculano; ou como diria Rodrigues Lapa, "o portugués non é máis que galego civilizado", a autoestrada que chamo eu.
Nos 26 anos de AGAL produciuse un esforzo xigantesco por crear ciencia, combater a incultura e a mistificación. e aumentar o capital humano. O novo Consello recibimos esa herdanza. e imos traballar para que ese capital siga crecendo. En Galiza, a política ortográfica estatalizante e sometida ao castelán é a outra cara da moeda do proceso de susbtitución linguística.
V.: Como valora a situación sociolingüística actual?
A.B.: Eu son sociólogo, e se miras a pirámide lingüística da poboación galega, das diferentes xeracións, ves que estamos perdendo a lingua: pérdese masa e calidade, todos os días estamos enterrando nos cemiterios a nosa lingua. Estamos nunha situación moi difícil, pero que debe permitirnos reflexionar, para os que honestamente estas cousas son o cerne das preocupación, independentemente da idea que cadaquén teña da lingua, rexional ou internacional. O noso sentido da responsabilidade e honestidade non nos vai impedir tratar com todo o mundo desprexuizosamente.Temos a sorte de poder aprender de outras experiencias, como as do corso ou alsaciano estatalizándose na Francia do hexágono, e non manifestándose como o que son italiano e alemán. Temos experiencias como as do flamenco, moldavo ou das falas do Tirol, que rachan cos procesos estatalizados-rexionalizados e camiñan por onde lles pertence; e iso frente ao outro modelo é o camiño do éxito. Temos que pór barreiras ao proceso de perda de identidade-calidade na língua paralelo ao de perda de falantes, pois o galego pode ao final ser calquer cousa ou simplemente unha variante rexional do castelán, Hai benintencionados que acaban facendo "castelán en galego" . V.: Que relación ten o conflito normativo con isto?
A.B.: Xa o dicía antes: a cuestión da norma preséntase como mecanismo ocultador do proceso de substitución linguística. Nós, no relacionamento coa RAG, Consello da Cultura, Universidades, Administración..., non faremos cuestión da norma porque non queremos que sexa excusa para tapar os problemas. O noso é falarmos com normalidade plena e recoñecemento da honestidade nas posturas dos outros. Temos outro reto no mundo da lusofonía, ser aceptados na nosa singularidade: a AGAL agardamos estar en todos os organismos da lusofonía relacionados coa lingua.
O galego non se empezou a falar hai 40, nen 120 anos, ten unha historia detrás. Cando unhas persoas que eran analfabetas do seu propio quixeron utilizalo, fixérono dende o que coñecían, que era o castelán, non sabían nada da língua de reis, da Igrexa e da aristocracia. Afortunadamente agora sabemos e non podemos axir como analfabetos. Se preguntamos aos que saben de como estan as cousas, os nenos e nenas das nosas escolas diran que o galego é unha lingua cuxa norma de corrección é a do castelán. Eu propio lembro cando as cuestións de corrección para min, tamén eran as do castelán no meu galego aldeán diciase "agüentar", e autocorrixinme a través do castelán, dicindo "aguantar". Logo vas a Portugal e resulta que o que ti pensabas que era un vulgarismo que había que corrixir era como se estaba no mundo.Dende a oficialidade constrúese unha lingua paralela do español, e iso linguisticamente e imposíbel se o galego é lingua, enganar non é igual a engañar, e así con todo. O profesor Guerra da Cal, mestre na escrita en galego, castelán e inglés dicia que os galegos debemos actuar como o que somos, un galego que non usa a sua lingua é unha persoa de terceira categoría, está no mundo de prestado.O conflito normativo serve para tapar o outro conflito: para o goberno actual non hai imposición do galego, é ben certo... mais do castelán? Intente vostede vivir con normalidade na súa lingua. O modelo de escrita da AGAL tecnicamente é o mesmo modelo có da escrita de mínimos aprobada pola Xunta en xuño de 1980. Trátase de integrármonos no mundo internacional da nosa lingua partindo desde a nosa singularidade..
V.: E cal é a situación actual? Que se fai dende as institucións?
A.B.: Pois a situación actual é a aceptación, por parte do nacionalismo maioritario, de que o galego é unha lingua diferente do portugués. Aínda que se poida dicir pola boca pequena outra cousa, os feitos falan. Existe un modelo de negociación e recoñecemento mutuo fantástico, que serve para o poder ter un instrumento de apoio ás súas políticas positivas para a lingua. Funciona noutros lugares como Cataluña ou o País Vasco: un consello social da lingua. Témolos de traballo, de ecoloxía, de mulleres... Por que non de lingua? Sería un magnífico instrumento de podermos traballar todos xuntos no que temos en común. O novo Consello da Agal vai traballar para iso.
Ademais, tanto o Estatuto de Autonomía como a Lei de Normalización Lingüística falan de galego, en ningún momento falan de norma. Tampouco no Estado español hai nada que sancione o xeito de falar o castelán. Os prexuízos que temos penso que son froito dunha historia e dunha tradición cultural, que, polo demais, é moi recente. Pero fíxate que todas as persoas que non falan galego e son castelanistas son antilusistas, curioso. Eu non coñezo ninguén a prol do castelán que se declare reintegracionista.
Ser galego reintegracionista, ser lusista, significa moito traballo ter que re-aprender e esforzarse, repensar as cousas, é ir contracorrente. O traballo que exixe é a mellor garantía, quen pense que as cousas sen esforzo valen o mesmo, está aviado.