Política e cidadanía, intervención das mulleres nos movementos sociais, e os roles de xénero na reprodución social son os temas dos que se ocupa esta catedrática de Antropoloxía Económica na Universidade de Barcelona. Na actualidade desenvolve unha investigación en Ferrol sobre a intervención e recoñecemento do Comité Cidadán de Emerxencia de Ferrol. Por Helena González.
Helena González: Como se interesa polo caso de Ferrol?
Susana Narotzky: Cheguei a Ferrol en 2002 case por casualidade, como convidada a un ciclo de conferencias sobre antropoloxía, as VIII Xornadas de antropoloxía cultural Alcina Franch, para falar dos temas "Xénero e traballo" e "Economías rexionais e capital social" nos que traballo desde hai tempo. Casualmente estas xornadas cadraban coa homenaxe da asociación cultural Fucobuxán a Xulio Aneiros, un sindicalista histórico dos estaleiros Bazán. Os organizadores dos dous eventos puxéronse de acordo para combinalos, introducindo unha parte da homenaxe no curso das xornadas de antropoloxía cultural, xa que o tema daquel ano era o do traballo. Así entrei en contacto cun grupo de persoas moi activas na recuperación dunha memoria histórica relacionada coa acción política, non só no pasado senón sobre todo respecto ao presente. Este era o tema que eu quería traballar logo de rematar a miña anterior investigación e non tiña moi claro onde situar o traballo etnográfico. Comenteino alí mesmo co grupo de Fucobuxán e a súa resposta foi tan entusiasta que me animou a centrar o meu traballo en Ferrol, unha cidade en pleno proceso de transformación, cunha importante desindustrialización; cambios na estrutura da produción por unha banda, pero tamén cambios no modo como as familias se organizan para conseguir os recursos necesarios para a súa vida. Os estaleiros deixaron de vertebrar a vida económica, social e política de Ferrol. Nas xeracións máis novas (pero non só nestas) a precariedade é a norma e isto ten consecuencias na capacidade de pensar e actuar politicamente. A construción dos suxeitos políticos é outra.
Interesábame estudar esta transformación e entender como as transformacións das estruturas económicas e das institucións políticas formais (Estado das autonomías, democracia, Unión Europea) afectaban á capacidade de mobilización real dos suxeitos políticos. Como variaban os modos de interlocución co poder establecido, como variaban as formas de responsabilidade asumidas polas institucións e a cidadanía respectivamente, cal era o peso da función pedagóxica (que outrora exerceron os sindicalistas de Bazán) como elemento estruturador da acción política actual...
H.G.: Que opinión lle merecen as accións do Comité Cidadán de Emerxencia?
S.N.:Nese contexto empecei a observar o afianzamento dun movemento social dunha parte da cidadanía ao redor da oposición á localización dunha Planta de regasificación de Gas Natural Licuado dentro da Ría de Ferrol en Punta Promontorio (Mugardos). O Comité Cidadán de Emerxencia (CCE) xa estaba formado e emprendía accións en distintas frontes (de información e mediática, de análise política e social das consecuencias da escolla desa localización fronte á aparentemente máis lóxica da localización da Planta de gas no porto exterior, de mobilización pública, de xudicialización do enfrontamento). Esta diversidade de recursos para a acción política paréceme un tema moi interesante de analizar. Por outra banda sorpréndeme a capacidade de resistencia ao desalento e a perseveranza deste grupo de cidadás/áns fronte á desestimación das súas causas, a colusión das institucións políticas e do poder económico, o poder fáctico dos grupos empresariais e financeiros involucrados, até a presión social de cidadás/áns correntes que por diversas razóns apoian a localización da planta dentro da Ría? Esta tamén me parece unha cuestión fundamental de analizar porque ten que ver, coido, coa capacidade de estruturar e organizar un movemento máis alá da espontaneidade do rexeitamento inicial. Cal é a estrutura que sostén no tempo este movemento social dunha parte da cidadanía e lle dá coherencia política? É interesante subliñar que aínda que como di Patricia Gabeiras na súa introdución ao libro “Los muros del silencio. Corrupción y amenaza en la ría de Ferrol. El caso Reganosa” (Ferrol: Fucobuxán, 2007) “a ningún dos que nisto estamos nos condicionan as ideas políticas dos demais? (p. 12), este é indubidablemente un movemento social que intervén directamente no espazo político e económico. Permítelles a moitos cidadáns/ás reencontrarse como suxeitos da acción política alén ou aquén dos partidos e das institucións formais.
H.G.: Cal foi o papel das mulleres nese movemento?
S.N.:O papel das mulleres neste movemento é importante. Por unha banda están aquelas mulleres universitarias que participan en tanto expertas, pero que adoitan ter algún outro tipo de vinculación máis persoal co movemento, como é o caso de Patricia Gabeiras, filla do Xeneral Gabeiras que foi o primeiro presidente do CCE. Doutra banda están as mulleres correntes, amas de casa, traballadoras por conta allea, xubiladas. De feito unha das persoas máis activas no CCE é Luz Marina Torrente, presidenta da asociación de veciños O Cruceiro de Mehá, que foi unha das primeiras persoas en mobilizarse cando empezou a construción dos tanques da planta de Gas que construíu Reganosa en Punta Promontorio. Dous aspectos parecen centrais para entender a participación desta muller en concreto e a doutras mulleres do CCE. O primeiro ten que ver coa responsabilidade asumida pola seguridade e o benestar da súa familia, e por extensión doutros grupos domésticos. É dicir, ten relación coa función de “coidado” que aparece como consustancial ao rol doméstico tradicionalmente asumido nas ideoloxías de xénero do noso país, e con iso non quero homoxeneizar estas ideoloxías que son moi diversas porque foron producidas historicamente. Este aspecto ten un peso fundamental sobre todo na mobilización daquelas mulleres que non tiveron acceso a outras formas de acción política. O segundo aspecto ten que ver co peso dunha memoria histórica da acción política en Ferrol, ligada para moita/os aos estaleiros e os seus líderes sindicais, e esa función de guieiros (pedagóxicos) que asumiron, familiarizando aos que lles rodeaban cunha práctica da análise estrutural e abstracta dos acontecementos sociais, máis alá da implicación emotiva específica de cada un nunha experiencia única. Moitas (aínda que non todas) destas mulleres correntes que participan no movemento social desde distintas asociacións cidadás (asociacións veciñais, de mulleres progresistas, Fucobuxán…) vencéllanse a miúdo a través de seus pais, irmáns ou homes coa tradición sindicalista de Bazán.
Ao meu ver, este dobre aspecto, por unha banda o aspecto emocional da responsabilidade polo benestar dunhas persoas achegadas e concretas, e doutra banda o aspecto da capacidade dun certo distanciamento que permite unha análise en termos máis abstractos dos problemas aos que se enfrontan, constitúen unha das bazas fundamentais que teñen as mulleres dentro do movemento social do CCE. Con todo, paréceme que na práctica política do CCE, nos seus comités de decisión, isto non se valora de abondo. As modalidades de acción quedan enmarcadas polo contexto institucional que empuxa á xudicialización, e xa que logo á valoración dos expertos, polo contexto mediático que impulsa a incidir na dimensión de espectáculo dos acontecementos, e tamén pola memoria histórica da acción política sindicalista encarnada nalgúns líderes do movemento. Todas estas facetas forman parte desta diversidade de modos da acción que caracteriza a este movemento cidadán e permítelle reinventarse e resistir mentres garda unha coherencia e unha estrutura. Penso, con todo, que incorporar como un elemento más esta dobre faceta emocional-racional ou concreta-abstracta que constitúe a estas mulleres como suxeitos políticos sería un paso importante por parte do CCE no recoñecemento de modalidades de acción política innovadoras propias dos movementos sociais contemporáneos.
H.G.: Nun dos seus traballos fala sobre a “renda do afecto”.
S.N.: Logo do meu primeiro traballo etnográfico, realizado hai vinte anos nunha zona rural de Cataluña, escribín este artigo titulado “A renda do afecto: ideoloxía e reprodución social no coidado dos vellos”, en Antropoloxía dos Pobos de España (Madrid: Taurus, 1991). É un artigo que me gusta moito. Precisamente o que intentei mostrar é a importancia desta dimensión do “coidado” para definir as modalidades de transmisión do patrimonio. Pretendía mostrar as consecuencias materiais (en termos económicos de herdanza e de control sobre os recursos) deste labor silandeiro de fillas ou noras a coidar da xeración que as predece. Aínda que o contexto social e cultural concreto desta zona é un elemento fundamental deste proceso, penso que moitas das súas conclusións poden servir para interrogarse sobre o valor económico e político desta dimensión do coidado, e a necesidade de loitar para que forme parte explícita do recoñecemento das persoas como suxeitos políticos. En definitiva, paréceme importante chegar a incluír no concepto de cidadanía o recoñecemento de formas de responsabilidade cívica que valoren a importancia do coidado para a reprodución social.