Ao tempo que condenaban a actuación de Hamás en Gaza, os ministros europeos de Exteriores garantíronlle axuda ao presidente da Autoridade Nacional Palestina.
Con Palestina dividida chega a paradoxal recuperación do apoio internacional para a Autoridade Nacional Palestina, ANP. A Unión Europea confirmou este luns o despregue de axuda humanitaria e de emerxencia para a zona, comprometéndose co envío urxente de axuda financeira para o novo goberno palestino nomeado por Abú Mazen, que na actualidade só controla Cisxordania. A promesa inclúe unha forte condena á actuación de Hamás en Gaza, malia que precisa que se estabelecerán programas de axuda de emerxencia para a poboación desa área.
A UE tamén fixo presión sobre a ministra israelí de Exteriores, Tzipi Livni, tentando que o goberno de Israel apoie neste momento o novo executivo palestino controlado por Al Fatah. Ao respecto, o executivo israelí concedeu que podería entregarlle a Palestina os fondos bloqueados nos últimos meses, procedentes da recadación de taxas e ilegalmente retidos. Así e todo, non hai de momento promesa de cando se executará esa devolución.
Máis na Axencia Palestina e Haaretz.