A carreira organizada por Pedro Nimo, onde todos os cartos recadados ían para construír unha escola en Angola, tivo máis de catrocentos participantes.
O ferrolán Óscar Tolosa e a lucense Chus Valiño gañaron a Carreira Solidaria con Angola que organizaba o campión galego de cross, Pedro Nimo. O atleta compostelán uniu os seus esforzos aos de Intermón-Oxfam para construír, con todos os cartos recadados, unha escola en Angola, país no que Nimo collera a malaria a comezos deste ano.
No Polígono do Tambre, ás aforas de Compostela, celebrouse no domingo unha carreira que xuntou unhas catrocentas persoas correndo xuntas por Angola. Xente coma Arsenio Iglesias, o ex futbolista Fran e os atletas olímpicos Alexandre Gómez e Andrés Díaz correron polo medio da xente. Tamén estaban uns dez integrantes do Proxecto Home, onde está a colaborar agora Pedro Nimo.
A pesar do que choveu en Compostela, a xente mantívose en pé até cruzar a meta, camiñando ou correndo, todo o mundo fixo o que puido e Nimo non deixou de animar os participantes polos altofalantes e na carreira, correndo a berros entre eles.