Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vieiros do Mar

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Vieiros do Mar
VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza

Ducias de embarcacións de toda Europa xuntaranse en Ferrol

Artellado este ano polo Clube do Mar de Ferrol, o encontro, na terra e na auga, xuntará milleiros de persoas arredor da cultura e as tradicións do mar.

Redacción - 11:50 18/06/2007
Unha dorna

Unha dorna

Entre o 5 e o 8 de xullo, ducias de embarcacións de Galiza, Asturias, Cantabria, Euskadi, Andalucía, o Levante, Cataluña, Portugal, Irlanda, as Azores, a Bretaña... unha chea de lugares do mundo moi distantes e moi diferentes entre si que manteñen unha poderosa cultura marítima, conservada após moitas xeracións, hanse dar cita no mar de Ferrol.

Os barcos encherán o peirao e mais a terra en Ferrol nos primeiros días de xullo. Como cada dous anos, os encontros han xuntar exposicións, obradoiros, cursos, actividades de estudo, concertos, actuacións... e tempo para o lecer, o comer e o beber.

Este é un dos poucos acontecementos que loitan por poñer en valor o patrimonio marítimo galego, recuperándoo, dándolle unha barnizada e, sobre todo, levándoo á rúa, aos peiraos, amosándollo á xente. Mais non só o galego, senón un amplo patrimonio europeo vencellado ao traballo e ao lecer no mar.

Unha fortaleza do norte: a Ferrolterra marítima

Ademais este ano os encontros celébranse en Ferrolterra, un lugar moi diferente dos anos anteriores; unha ría do norte, estratexicamente situada coma avanzada náutica cara Inglaterra e o océano, arrodeada de fortalezas militares, e onde se atopan os estaleiros e arsenais máis potentes de Galiza.

Ferrol sempre estivo vencellado con forza ao mar, que as súas xentes traballaron e empregaron como substento e como defensa durante séculos. Cousa que vén dende as orixes, demostrada por varios estudos de arqueoloxía castrexa e escavacións realizadas, por exemplo, na costa de Mugardos, onde apareceron aparellos empregados no traballo no mar.

En Ferrol...

...as gamelas, dornas, lanchas volanteiras, do xeito e da xábega, e de relinga, balandros, caiumbos, barcazas, botes, gabarras, trincados, chalupas, pataches, racús, pinazas, pailebotes, polbeiros, chalanas, canoas, faluchos, menuetas, barlotes, traíñas, caiucos, galeóns, chinchorros, bateis... e centos de nomes e formas máis recuperarán por un tempo o seu espazo no mar.


1,5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: