Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Empezarase polos clásicos

Un inventario recollerá os fogares dos escritores e escritoras

A Consellaría de Cultura e Deporte e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) colaborarán para realizar o primeiro inventario de casas de persoeiros da nosa literatura.

Redacción - 17:26 15/06/2007

Xa a Casa da Matanza de Rosalía, en Padrón, ou a de Eduardo Pondal en Ponteceso, a tríade rianxeira dos que foron fogares de Castelao, Dieste e Manuel Antonio ou a placa na rúa viguesa de Urzáiz que marca a casa na que viviu Celso Emilio, eran monumentos vivos aos persoeiros que as habitaron, e, se cadra, á inspiración que atoparon dentro das súas paredes. Agora, Cultura e máis a AELG levan adiante un proceso para inventariar as casas dos nosos escritores e escritoras.

Deste xeito farase por mellorar a súa conservación, e poderán tamén ser revalorizadas coa difusión e a creación de rutas. A consellaría achega un financiamento de 12.000 €, e a AELG encargarase da execución.

Un estudo documental e fotográfico sobre a vivenda, unha memoria que recolla a relación biográfica dos autores e autoras coa casa, e outra memoria literaria das súas obras, e unha avaliación do valor arquitectónico integrarán o inventario. Os resultados do inventario serán difundidos a través dun sitio web, que incluirá un mapa interactivo e visitas virtuais. Comezarase polos clásicos, para despois ir abrindo o abano.


3,67/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: