Non se sabe moi ben cómo comezou a cousa, pero é un feito ben recente que parece que espontaneamente se deu nunha zona da Illa de Arousa, onde varias asociacións de mozos e mozas quixeron recuperar as barcas e mailos aparellos que morrían na area.
Unha chea de xente da Illa deu en pensar que era mellor recuperar as dornas, antes que queimar as vellas embarcacións que repousaban na praia, como acontecía cada ano polo San Xoán, para facer meirande o lume.
Diversos colectivos de mozos e mozas arousáns quixeron, naquela altura, salvar as dornas do abandono na area, da desfeita dos aparellos e dos barcos vellos deixados morrer na praia todo o inverno. Foi daquela que xurdiron os primeiros movementos de recuperación da cultura marítima en Galiza.
As vellas velas arranxáronse, os cascos de pao lixáronse, pintáronse… e aparelláronse alomenos unha ducia de dornas das vellas, que semellaban noviñas do trinque. A cousa estendeuse a vilas como Ribeira, O Grove, Vilanova ou á Pobra do Caramiñal, e xuntáronse todos conseguindo organizar a I Volta a Arousa, a nai das regatas de dornas das moitas que agora se celebran por toda Galiza. Eran os últimos anos oitenta.
Comezouse coas dornas, pero o camiño xa estaba labrado para botarlle man ás gamelas...
...aos botes polbeiros, ás bucetas, aos galeóns... Foi daquela cando se foron recuperando tamén as tradicionais regatas que nos anos cincuenta do século XX adobiaban as festas das vilas mariñeiras polo verán: as concentracións de galeóns na Toxa e en Vilagarcía, as regatas de dornas a remos en Cambados, n’O Grobe; de botes en Ferrol…
Ademais empezouse a traballar na educación na cultura tradicional do mar galego e creáronse os primeiros cursos e obradoiros de construción de dornas, de navegación con vela… e comezouse a teimar por recuperar, con axuda institucional, o oficio de carpinteiro de ribeira.
O exemplo da Illa foi tan positivo, que alén da recuperación das embarcacións de toda a vida, creouse en 1990 o obradoiro-escola "A Aixola", que comezou a funcionar en Marín, como o primeiro módulo galego de formación en carpintería de ribeira.
Hoxe existen 38 asociacións relacionadas coa cultura tradicional do mar en Galiza
Hoxe en día a cultura marítima do país está aberta a aprender doutros lugares, como da Bretaña, onde cada dous anos se celebra o Festival de Embarcacións tradicionais de Brest, ou en Portugal, onde tamén se ten recuperado recentemente esta cultura.
Foise desenvolvento tan ben a cousa, que hoxe existen en Galiza varias asociacións relacionadas coas tradicións marítimas e fluviais, varias escolas de vela, museos, e varios eventos a nivel nacional e internacional; tamén revistas especializadas e varias webs... nunha importantísima recuperación do patrimonio do país que non ten parada.