Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Vieiros do Mar

Edición xestionada por Vieiros
RSS de Vieiros do Mar
A historia dos encontros

Máis de catorce anos xuntando barquiños vellos e novos

Co VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza, que se vai celebrar en Ferrol do 5 ao 8 de xullo, xa levan máis de catorce anos a xuntarse xente con querencia ás gamelas, ás dornas, ás lanchas galegas de toda a vida... arredor da cultura marítima do país.

Redacción - 12:11 18/06/2007
Cartaz dos Encontros en Coruxo

Cartaz dos Encontros en Coruxo

Aquí contamos un pouco por riba o que deron de si estes encontros, que comezaron nos primeiros anos noventa, nas Rías Baixas.

Ribeira 1993
O primeiro ano que se celebrou un Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galiza foi en Ribeira e foi organizado pola Confraría da Dorna, que tamén organiza, cada ano, a festa do mesmo nome, unha das máis coñecidas no verán de troula galego.

Nesta primeira data foron ao encontro unhas vinte embarcacións, algunhas recuperadas pola carpintería de ribeira de Marín, "A Aixola"; e outras das Rías Baixas: unha lancha xeiteira, unha gamela de Coruxo, un bote polbeiro, un bote de Rande e unha gamela de Cabo de Cruz. Tamén houbo exposicións, obradoiros temáticos e contouse coa asistencia de xente de Povoa do Varzím (Portugal), que traían consigo unha "lancha Poveira".

Os encontros serviron para deitar precedente, para dar a coñecer todo un movemento que levaba tempo a se xestar, para publicar o libro "Refraneiros Populares do Mar en Galicia" realizado polo Museo do Pobo Galego e, sobre todo, para pór os alicerces máis sólidos na fundación da que se deu en chamar a partir daquela Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), conformada por diversas asociacións que foron nacendo naquela altura, entre a xente que acudiu. Dende entón a FGCMF comezou a funcionar como instrumento básico para a conservación, investigación, recuperación e revalorización da cultura e do patrimonio marítimo de Galiza.

Coruxo 1995
Dous anos logo reuníronse en Coruxo, pero xa eran máis. Daquela organizaban os encontros o C.R.A.C. de Coruxo e o Grupo Etnográfico "A Buxaina", e fixéronse varias exposición sobre cultura marítima, publicouse o primeiro número da revista dos "Encontros" e fixéronse varios estudos que tamén terminaron en publicacións, como o libro "Galeóns de Arousa" editado polo Grupo Etnográfico Mascato da vila de Cambados; ou a revista "Relinga" da Asociación Lajareu por Barlovento de Ribeira. Tamén houbo conferencias sobre a recuperación das embarcacións tradicionais.

No ano a seguir, a FGCMF acudiu a Brest con embarcacións recuperadas polas diferentes asociacións -a buceta de Poio, a dorna trasmalleira de Ribeira, a dorna Meca d'O Grove e a gamela de Coruxo- e pola Escola Taller de carpintería de ribeira de Marín, que xa levaba 6 anos funcionando -co bote polbeiro de Bueu e a lancha xeiteira-. A representación galega medraba na capital da Bretaña e no maior escenario de cultura marítima europea amosábase unha parte brillante, recén pintada e coas velas limpas, da riqueza do patrimonio marítimo de Galiza.

O Grove 1997
O terceiro encontro foi n'O Grobe, organizado pola Asociación Dorna Meca, e como novidade, ademais das consabidas exposicións sobre patrimonio marítimo, houbo unha outra sobre ecosistemas de litoral coa colaboración da Facultade de Bioloxía de Compostela, a Escola Naval de Marín e o Centro de Interpretación "A Siradella" d'O Grove. Tamén houbo obradoiros para os cativos e unha demostración de rescate marítimo co emprego de embarcacións tradicionais. Ademais da revista do "Encontro", publicouse o libro "Caderno de a bordo", do grupo Etnográfico Mascato. Xa tiña aumentado moito o campo de actuación da FGCMF e dimensión dos propios encontros.

Viñeron embarcacións de Portosín, Redondela, Combarro, Carril, Cambados, Ferrol, Marín, Bueu, Cangas, Portonovo, Ribeira, Aguete ou Cabo da Cruz, e dende Portugal chegaron de Esposende, da Povoa do Varzím, de Setubal e d'O Porto.

Rianxo 1999
O cuarto encontro celebrouse en Rianxo, e protagonizouno a Escola Taller de carpintería de ribeira "Xeiteira". Por primeira vez as cousas medran abondo: houbo un festival de música, unha mostra de gastronomía, exposicións, aulas do mar, e viñeron participar xente do Museo do Mar de Asturias e unha delegación de Douarnenez (Francia), que veu presenciar os encontros e estabelecer as bases do irmanamento de Rianxo coa vila bretona.

No ano a seguir, a vila de Doruarnenez nomeou Galiza como convidada de honra nun evento no que se quería ensalzar a cultura marítima galega. E aló foron para a Bretaña unhas cen persoas que durante sete días amosaron as súas embarcacións tradicionais, a carpintería de ribeira galega, a cestería, o patrimonio etnográfico, a gastronomía e a música tradicional, entre outras cousas. A Douarnenez foron unhas dez embarcacións representativas das diferentes tipoloxías que hai no país. A partir de aquí, Galiza comezou a ser coñecida nos circuítos internacionais e na FGCMF comezou unha nova etapa na que se vai traballar pola organización de novos eventos.

Poio 2001
A comezos do novo século, os amantes das tradicións do mar reuníronse en Poio.

Este ano era ben especial, porque a FGCMF viña de estar en Doruarnenez e porque tiña emprendido novos proxectos ben distintos, en colaboración cos bretóns. Naquela altura estábase a traballar no Sant Eflam, unha aventura marítima para recuperar os aspectos culturais das rutas dos antigos monxes celtas navegando en barcos de coiro, ou "courrags", que partían dende Irlanda, pasando pola Bretaña e Euskadi, e terminando en Galiza.

A cita de Poio, organizada esta vez polo Clube Mariño A Reiboa, en colaboración coa asociación de veciños Boureante e o Concello de Poio, foi moi especial na historia da federación, xa que con ela se consolidaban os encontros, ao fin, como evento de asistencia obrigada tanto a nivel nacional como internacional, con presenza de barcos de toda Galiza, Euskadi, Portugal, Francia e Irlanda. Era, por primeira vez, o acto de cultura marítima máis populoso celebrado en Galiza e cumpríanse por vez primeira os obxectivos das asociacións da cultura marítima galega: a difusión, fomento e socialización da cultura do mar do país.

Illa de Arousa 2003
O cuarto ano no que se celebraron os encontros houbo unha Gran Festa da Cultura e o Patrimonio Marítimo Galego, nacendo a Feira do Mar como acto parello, onde se amosaban os recursos do mar galego. A Illa foi unha localización moi especial e ideal, xa que nesta zona se conserva unha economía centrada nos recursos do mar e obsérvase unha forte vontade de manter os elementos da cultura tradicional galega, relacionada co mar, en cousas como a recuperación das embarcacións tradicionais, das artes de pesca ou dos oficios como o de carpintería de ribeira. Neste ano lembrouse a catástrofe do Prestige e Portugal veu como país convidado de honra. Facíanse tamén 10 anos da FGCMF.

Cambados 2005
Dous anos após celebrouse o último encontro, que precede ao de Ferrol deste ano. En Cambados os convidados de honra foron os mariñeiros do Mediterráneo, nun paso máis na creación da Confederación Ibérica. Viñeron cataláns, levantinos, murcianos e andaluces e houbo por primeira vez un encontro de botes do Mediterréneo, con llauts ou lanchas de javega, bateis, traiñeiras ou mesmo un moliceiro que veu dende Aveiro. Os portugueses volveron outro ano máis como convidados fieis. Houbo varias actuacións musicais, un baile tradicional, noites folque, cantigas de mar e taberna, conta contos, obradoiros para nenos e nenas, e un recital da poesía do mar. En colaboración coa Universidade de Santiago desenvolvéronse unhas xornadas sobre cultura marítima e os alumnos da Escola de Belas Artes de Pontevedra fixeron un enorme mural, con bichiños e barcas do mar.


5/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Obradoiro de carpintería, en Ribeira no 93
Obradoiro de carpintería, en Ribeira no 93
Encontros na Illa, no 2003
Encontros na Illa, no 2003
Galiza como convidada de honra en Doruarnenez (1999)
Galiza como convidada de honra en Doruarnenez (1999)
Encontros en Cambados, no 2005
Encontros en Cambados, no 2005
Unha fragata portuguesa no mar de Cambados
Unha fragata portuguesa no mar de Cambados