Os líderes das tres principais organizacións de traballadores do país agardan que sirva para darlle un pulo de pluralidade á patronal.
Os líderes das tres principais organizacións de traballadores do país agardan que o nacemento da Rede Galega de Empresas sirva para darlle un pulo de pluralidade á patronal. Aínda que todos sinalan que teñen pouca información sobre a nova entidade coidan que é importante a presenza de novos interlocutores.
Xesús Seixo, secretario xeral da CIG, afirma que “en principio semella que vai ter unha orientación máis galega cá CEG e iso a nós parécenos moi positivo”. Para Seixo o importante é que haxa un marco de relacións laborais “plenamente competente”. Dende a central nacionalista subliñan que a CEG nunca apostou por convenios galegos e sempre tentou trasladalos ao marco estatal. Porén, Seixo sinala que para avaliar o novo proxecto vai haber que agardar un tempo e saber o grao de implantación do mesmo.
Xan María Castro, de CC.OO, tamén cre que hai que agardar para ver a forza da nova patronal: “Nós dende logo imos seguir con atención o proceso”. Castro subliña que a relación dunha patronal cos sindicatos debe estar presidida polo “respecto e pola cooperación”. Cre que a nova organización, ademais de ter en conta os sinais identitarios de Galiza, tamén ten que ter unha conciencia social clara: “A loita contra a precariedade e pola estabilidade laboral vai ser un bo indicador”.
Xosé Antón Gómez, máximo responsábel de UXT-Galicia, quere darlle a benvida á nova asociación e pídelle que “saiba entender os problemas dos traballadores. A ver se son máis sensíbeis ao ámbito laboral galego”.
A Rede Galega de Empresas, que se presenta como unha nova patronal en “clave de país”, darase a coñecer este sábado en Compostela no marco dunhas xornadas que organiza a Xunta sobre empresa privada e administración pública.