Os enfrontamentos armados entre membros das dúas formacións continúan ao tempo que Al Fatah abandona o acordo de goberno conxunto.
Homes armados dunha milicia de Hamás atacaron este martes un edificio das Forzas de Seguridade Nacional, organismo dependente da Autoridade Nacional Palestina, controlada por Al Fatah, e despois de horas de combate conseguiron facerse co control deste espazo. No enfrontamento morreron cando menos unha ducia de membros destas forzas de seguridade e unha decena dos atacantes.
Posteriormente, as chamadas Brigadas dos Mártires de Al Aqsa, grupo próximo a Al Fatah, fixeron un chamamento aos simpatizantes desta facción a botárense ás rúas para actuar contra o que cualifican de "intento de golpe de estado" por parte de Hamás. De xeito parelalo, as Brigadas de Azedín Al Kasem, vencelladas a Hamás, reafirmaban o seu control sobre o norte de Gaza declarándoa "zona pechada". Así, os combates entre as dúas faccións seguen desde aquela en diversos puntos de Palestina, incluíndo ataques directos á sede da presidencia.
Al Fatah decidiu que os seus seis ministros deixen provisionalmente o goberno até que rematen os ataques e o presidente palestino, Mahmud Abás, solicitou a fin duns enfrontamentos dos que subliña que "non benefician a ninguén". O primeiro ministro Ismail Haniye, integrante de Hamás, fixo tamén unha declaración pública pedindo a fin da violencia.
Máis na Axencia Palestina e Haaretz.