Subliñaron os fiscais que non hai "delito ningún", pero as acusacións particulares de colectivos como a AVT forzaron na Audiencia Nacional a apertura do xuízo.
Hai catro anos que as forzas policiais arramplaron na sede do diario Egunkaria, daquela o único en éuscaro, e baixo a acusación asinada polo xuíz Del Olmo de seren presunto instrumento controlado pola ETA, pecharon a publicación.
A acción foi longamente denunciada por colectivos en defensa dos dereitos civís como un exceso na actuación das forzas de seguridade. Catro anos despois, a fiscalía deulles a razón aos acusados: non existía proba ningunha contra eles, polo que solicitaban pechar definitivamente o proceso.
E con todo, a Audiencia Nacional concede agora a apertura do xuízo oral e desestima o recurso de súplica interposto polos sete procesados. A Sala do Penal da Audiencia Nacional argumenta que responde á acusación popular, exercida pola Asociación de Vítimas do Terrorismo e o colectivo Dignidade e Xustiza.