É unha mestura entre electricidade e Wi-Fi, que non se ve afectada por muros nin por outros aparellos eléctricos e non ten efectos na saúde humana.
Un equipo de investigadores do Massachusetts Institute of Technology (MIT) conseguiron acender unha lámpada situada a máis de dous metros da fonte de enerxía. Así de primeiras non parece complicado, a cousa é que o fixeron sen empregar cable ningún: non había ningunha conexión física entre a bombilla e a fonte de enerxía.
Isto foi posíbel, así, sen fíos, pola denominada WiTricity, unha outra maneira de transmitir a electricidade sen cables, que só funciona até o de agora nun 40 % -a enerxía restante pérdese no proceso-. A bombilla que se acendeu era de 60 watios e o equipo é aínda algo voluminoso de máis. O que se precisa son dous rolos de cobre; un conectado á fonte de enerxía e o outro ao aparello receptor, neste caso unha bombilla. Os rolos de cobre están especialmente deseñados para resoar na mesma frecuencia creando un campo magnético, cousa que fai que se poida intercambiar enerxía dun xeito eficiente e sen perigo de electrocutar a ninguén, aínda que estea no mesmo cuarto.
A WiTricity está aínda nunha fase experimental, mais podería revolucionar nun futuro o xeito de cargar, sen empregar os cables, as baterías de aparellos como os teléfonos móbiles ou os ordenadores portátiles.