Santa María de Mañón, con pinturas dos séculos XIV e XV, e o Mosteiro de Monfero, do XII, exemplos de deterioro
"Hai moitísimos templos, incluso medievais e renacentistas, que están en franco deterioro”. Así o denuncia Verónica Santos, unha das directivas e creadoras de Xestionarte; unha firma especializada en xestión de recursos artísticos que acaba de ser premiada no concurso de emprendedores da Universidade de Santiago (USC).
Xoias artísticas en perigo
Santos exemplifica a perda de “moitísimas pequenas xoias artísticas” en dous casos en particular. Trátase da igrexa de Santa María de Mañón, preto de Viveiro, un templo que posúe pinturas dos séculos XIV e XV e que, segundo esta experta, están “nun pésimo estado”.
O outro exemplo, máis coñecido, é o do Mosteiro de Monfero, un mosteiro cirstescense do século XII localizado preto das Fragas do Eume. Verónica Santos sinala que, malia as últimas actuacións para recuperalo, segue “moi deteriorado”.
A avaliación e recuperación do patrimonio artístico galego é un dos campos nos que traballa Xestionarte, unha empresa creada por tres mozos emprendedores -David Chao, Verónica Santos e Rafael Ángel Lens- co apoio da USC; segundo indica unha entrevista publicada no portal Emprendia. Nesa conversa Santos explica que, a pesar que a Xunta xa fixo “moito” para protexer o patrimonio artístico do país, aínda “queda moitísimo por facer” neste campo.