Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Embarcacións Tradicionais galegas

Comezou a tempada das Dornas na Illa de Arousa

Na fin de semana votou a andar a tempada de Dornas a Vela. Aquí pómos unha crónica da xornada, que nos enviaron dende a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, que organiza as regatas.

Redacción - 12:34 12/06/2007

A primeira saída fíxose dende a Illa de Arousa, e foi a Asociación Fasquía da Illa a encomendada de organizalo todo. Como se agardaba a participación foi alta, preto de corenta embarcacións, chegadas dende toda a ría de Arousa e algunha da de Pontevedra, representando a O Grove, Ribeira, Cambados, Vilanova, a Illa e Portonovo.

Tomaron a saída dende o Campelo cara o peirao do Xufre para facer un percorrido que iba até o Faro do Seixo para voltar logo por unha boia por fóra das bateas do Cantiño, no Canal, -a punta do Campelo na Illa de Arousa-, e pasar polo Xufre, dúas veces.

O vento coma case sempre foi determinante, xogou a capricho, na saída frouxo, e levou as dornas até o Faro de Seixo nun rumbo norte-este en popa, ollando cara Vilanova e logo mentres as embarcacións viraban e puñan rumbo a segunda boia, que estaba situada por fóra das bateas do Cantiño, no canal da Arousa, recibían un sopliño que as máis rapidas aproveitaban para andar camiño. Era un esprin antes de tomar as decisións que farían gañar ou perder postos.

Na segunda volta xogábase o podio desta primeira regata de Dornas do ano

Alí, na 2ª boia, no canal, xogábase realmente a regata. Chegábase rápido, logo, as estratexias eran determinantes: cada embarcación tomou as súas propias decisións, escollendo camiño, o que as faría gañar ou perder terreo fronte as outras.

Na primeira volta a que sería ao final gañadora, a Nécora da ACD. Dorna, xa se amosaba intratable, detrás o resto das favoritas e un longo pelotón. A Bazarra tamén da ACD. Dorna, buscaba terra xunto coa Cariñosa do Náutico da Illa, e sorprendían os primeiros escalando posicións... alí seguían a Fuxe, Zoa, Lajarta e Chunga, buscando consolidar postos.

Nunha segunda volta, moi parecida a primeira, mais con determinante final, ao disminuír o vento, as diferencias entre uns e outros fixéronse moi grandes. A Nécora, con Braulio de Jarri, non cedeu. Detrás dela chegou a Bazarra maxistralmente patroneada por Juan Luis Pardavila e a proa con Eduardo Bueno; e detrás chegaba a Cariñosa, con Checo e Víctor. Despois a Lajarta, e no quinto posto situábase a Fuxe d'O Grove.

Para a organización foi todo un éxito esta primeira regata do Trofeo Galicia de Dornas a Vela, que terá a súa continuidade o vindeiro sábado, coa regata dos Faros no Grove, organizada polos Amigos da Dorna Meca. E por diante aínda fica todo o verán.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: