Conservadores e socialistas disputan o favor dos de Bayrou cara á votación do próximo 17 de xuño.
Os dous millóns de votos que apañaron na primeira volta os candidatos da formación Movemento Democrático, apadriñada polo autoproclamado centrista François Bayrou, son cobizados agora polo Partido Socialista e a UMP de Nicolás Sarkozy.
Ségolène Royal volveu este luns á primeira plana para solicitar un pacto en cada unha das circunscricións que sirva para recortar a maioría que ameazan con acumular os conservadores. "Hai que impedir a excesiva concentración de poder nas mans do mesmo partido", advertiu, recoñecendo que xa estabelecera contactos con Bayrou. Porén, o acordo é visto con malos ollos por outros sectores do PS, incluído o seu propio compañeiro e secretario xeral do partido, François Hollande, quen se referiu criticamente á posibilidade de que candidatos do PS se retiren en favor doutros candidatos con opcións de gañarlle aos da UMP.
Mentres, o detalle dos resultados da primeira volta deste 10 de xuño amosa que dos 110 candidatos que conseguiron a maioría absoluta necesaria para non precisar dunha segunda votación, só aparece un do PS, sendo o resto da dereita.
Máis en Le Monde e Libération.