Segundo Anxo Louzao, achega as condicións laborais do profesorado deses niveis aos da Educación Secundaria.
Anxo Louzao
CIG-Ensino amosou a súa satisfacción polo preacordo asinado o venres entre a Consellaría de Educación e os principais sindicatos do sector sobre os catálogos de Educación Infantil e Primaria. Segundo explicou o seu secretario nacional, Anxo Louzao, é un logro histórico, pois achega as condicións de traballos do profesorado de Primaria co de Secundaria.
O acordo prevé unha redución da carga lectiva dos traballadores do ensino e, ademais, a mellora das súas condicións laborais, co incremento do profesorado de Educación Infantil e Primaria, o que dará lugar á creación de máis de mil empregos.
Louzao afirmou que as mobilizacións en contra da eliminación da xornada reducida matinal tiveron moito que ver na conquista do acordo, e que a consellaría deu un paso importante co acordo. O secretario do sindicato confía en que tamén se acabe recuperando a xornada reducida en xuño e en setembro.
Segundo o acordo que se asinou o venres, o horario lectivo obrigatorio reducirase das 25 ás 21 horas semanais. Así mesmo, garántese que todos os centros de máis de tres unidades contarán con tantos profesores xeralistas de Primaria como unidades, incluíndo os de linguas estranxeiras. En Infantil, a dotación de profesorado incrementarase nunha persoa por cada tres unidades.