O sector eólico en Galiza ten unha importancia vital na economía do país. Porén, un novo decreto do goberno español podería minguar a capacidade de autogoberno da Xunta neste eido.
O director xeral de Enerxía, Anxo Calvo
O Consello de Ministros do goberno español aprobou o pasado 25 de maio o Real Decreto que regulamenta a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial, é dicir o que estabelece o réxime xurídico e económico da produción (especialmente a renovábel, e que en Galiza lle afecta directamente a eólica) daquelas instalacións de competencia autonómica.
Malia que tanto o presidente do Goberno, Emilio Pérez Touriño, como a Consellaría de Industria, que dirixe Fernando Blanco, deron por bo o resultado final tras algunhas modificacións que o ministerio accedeu a realizar no seu borrador inicial, o PPdeG denunciou esta semana que o goberno español "lle meteu un gol ao autogoberno galego", xa que o novo Real Decreto "limita claramente" as competencias da Xunta en materia de enerxía eólica.
Modificacións ao borrador
O certo é que, a través desta nova normativa, o Ministerio de Industria terá a competencia exclusiva para autorizar as instalacións en terra de máis de 50 megavatios (MW) de potencia en Galiza, así como tamén as marítimas. Ademais, con anterioridade, estas instalacións non estaban acollidas ao réxime xeral, polo que as empresas percibían unicamente as tarifas propias do mercado. Porén, co novo decreto estimúlase cunha prima a instalación de complexos de máis de 50 MW.
É precisamente neste punto onde o ministerio recuou da súa primeira proposta logo de atender as observacións feitas dende a Xunta. Así, se nun primeiro momento as instalacións de entre 50 e 100 MW recibirían primas -cartos- ao igual que as de menor produción, tralas modificacións, e malia que as primas se manteñen, estas serán graduais en función da súa potencia (menos cartos canto máis produzan por riba dos 50 MW).
Vieiros falou co director xeral de Industria, Enerxía e Minas, Anxo Calvo, para coñecer a posición actual do Goberno.
Meteulle un gol o Estado á Xunta?
Non, todo o contrario. O gol teríase producido de non se producir as modificacións no borrador do decreto que pretendía levar o Ministerio de Industria ao Consello de Ministros. Cómpre ter en conta que o proxecto do Estado foi suavizado considerabelmente tras as observacións feitas pola Consellaría de Industria. Madrid, obxectivamente falando, recuou, grazas a que nós estivemos a exercer presión.
En que consisten estes cambios?
Nun primeiro momento estabeleceuse que as instalacións cunha potencia de entre 50 e 100 MW, de réxime ordinario, percibirían unha cantidade en primas ao igual que ocorre coas de réxime especial que até o de agora contaban cuns incentivos máis favorábeis para os produtores. As cantidade recibidas por estas instalacións de entre 50 e 100 MW igualaban ás recibidas polas de menor potencia. Finalmente, o Real Decreto estabelece que as primas non van ser iguais, e que van depender da cantidade que estas produzan: canto máis se acheguen aos 50 MW máis beneficios terán.
Porén, existe unha clara intromisión no sector enerxético galego por parte do Estado, que dende agora del van depender as concesións administrativas para as instalacións de máis de 50 MW. Até que punto esta invasión de competencias é legal?
Dende a Consellaría de Industria estamos a mirar con lupa o decreto para comprobar se se cumpren todas as condicións que a lei estabelece. Concretamente, a Lei do Sector Eléctrico (Lei 54/1997) -que prevalece sobre un real decreto- di que o goberno español poderá tomar decisións respecto as instalacións de produción de enerxía eléctrica, aínda que teñan unha potencia superior aos 50 MW, "previa consulta coas Comunidades Autónomas". Cremos que o Estado podería ter incumprido esta norma.
Que tipo de medidas van tomar de ser o caso? Algunha de tipo legal?
Imos defender as nosas competencias sobre enerxía eólica por todas a vías, tamén a legal.
Respecto ao 'Decreto polo que se regulamenta o aproveitamento da enerxía eólica en Galiza', presentado pola Consellaría de Industria o pasado mes de marzo, pódese dicir que a Xunta tamén recuou, logo de retirar a cláusula que garantía un 10% de participación pública nas empresas...
Eu non o cualificaría de retroceso. O 10% segue a estar aí. No entanto, decidiuse non encaixalo no texto do decreto por vía impositiva, senón pola vía do compromiso. Aseguramos que ninguén vai quedar fóra, mais este punto vai contar de xeito importante no procedemento de concorrencia competitiva para outorgar as concesións.