A xeito de presentación do novo proxecto, o venres ás nove da noite un grupo de artistas ofrecerá un espectáculo no Teatro Principal de Compostela.
A rede de acción sociocultural Arredemo, que segue a preparar o seu novo portal, preséntase cunha festa o venres no Teatro Principal de Compostela. Un nutrido grupo de artistas actuará desinteresadamente nun acto que servirá para recadar fondos para o terceiro proxecto na internet de Arredemo.
Quico Cadaval, Narf, Chévere, Clara Gayo, Pista Catro, Os da Ría e Carlos Santiago xa confirmaron que estarán o venres na sala compostelá para colaborar coa asociación. Un dos seus membros, Agustín Lamela, explicou que precisan de apoio, sobre todo humano, para levar a cabo o seu cometido.
“A idea xa levaba roldando un par de meses, pero non fomos quen de confirmar se se facía ou non até o martes pasado”, explica. Por iso, o boca a boca, ou, mellor dito, o SMS a SMS será fundamental para que o meirande número de xente se achegue o venres ao Teatro Principal.
A festa, que levará como lema Enrédate na rede, servirá para dar a coñecer a asociación que dá base ao portal, que ofrecerá servizos como aloxamento de webs, libre distribución de creacións artísticas e o desenvolvemento de proxectos sociais e culturais para persoas e colectivos.
O novo portal de Arredemo atópase actualmente en fase de deseño e construción, pero precisa de colaboradores: “Aínda non sabemos cando estará listo. Bótase en falta xente traballe, sobre todo no aspecto técnico, pero a cousa vai ir para adiante”.
A festa de Arredemo comeza ás nove da noite e a entrada custa cinco euros.