Charles Taylor, acusado de crimes contra a humanidade no Tribunal Penal Internacional, boicotea a primeira vista
Charles Taylor / Foto:Wikipedia
O antigo presidente de Liberia Charles Taylor boicoteou a apertura do seu xuízo no Tribunal Penal Internacional. Taylor está acusado de crimes contra a humanidade nunha brutal guerra civil que durou 11 anos.
Trátase do primeiro caso deste tipo contra un antigo presidente africano. O proceso foi retransmitido en vivo a través de catro pantallas xigantes en Freetown, capital de Serra Leona.
“A súa Señoría, con gran tristeza e desgusto escribo para informarlle de que non poderei participar máis no proceso”, escribiu Taylor nunha nota lida por un dos seus avogados ao comezo do xuízo na Haia. O ex-ditador asegura que o tribunal non lle garante un xuízo “honesto e imparcial”, segundo informa Mundo Negro.
Nenos soldado
O antigo presidente enfróntase tamén aos cargos de terrorismo contra a poboación civil, asasinato, violencia sexual, violencia psíquica, uso de nenos soldado, escravitude e saqueo. Taylor está acusado de participar na guerra civil de Serra Leona ofrecendo axuda ao grupo rebelde Fronte de Unión Revolucionaria (RUF) con adestramento, diñeiro, armas e munición para comezar a rebelión en 1991.
Supostamente enviou tamén soldados propios que tomaron parte do ataque inicial dunha guerra que terminou no ano 2002. O acusado nega todos os cargos.
Os grupos de dereitos humanos esperan que o xuízo lance a mensaxe de que ninguén pode escapar impunemente tras cometer este tipo de atrocidades, incluídos os xefes de estado. O medo de que Taylor mobilizase unha milicia para atacar a corte en Serra Leona foi unha das razóns para trasladar o proceso á Haia hai un ano.
O Reino Unido ofrece cárceres
Agárdase que o proceso no Tribunal Especial de Serra Leona, apoiado por Nacións Unidas, dure entre un ano e 18 meses. O Reino Unido ofreceuse a encarcerar a Taylor se é condenado.
Malia ausencia do antigo presidente liberiano, a xuíza Julia Sebutinde ordenou que o xuízo continuase, entre intensas protestas do seu avogado.