Galiza pode cubrir o 50% do seu consumo con enerxías 'verdes', pero exporta un terzo da produción. A patronal eólica négase a ceder parte dos beneficios.
Galiza exporta un terzo da enerxía eléctrica que produce, segundo a patronal galega dos muíños de vento, a Asociación Eólica de Galicia (EGA). Unha boa parte desta enerxía que marcha fóra do país procede das fontes renovábeis. Precisamente onte comezou en Vigo Enernova, a primeira feira internacional deste sector organizada no país.
A Comunidade achega o 20% da 'potencia verde' do Estado. Se toda a enerxía renovábel ficara en Galiza, cubriría a metade do consumo do país.
Muíños abondo para evitar que entren nove gaseiros
Os aereoxeneradores son a principal fonte de 'enerxía limpa' galega. E é que Galiza é a sexta produtora mundial de enerxía eólica, di a EGA. Agora mesmo, os muíños producen abondo para cubrir un terzo da electricidade que se consome o país e 1,7 veces o consumo doméstico.
A produción eólica equivale a nove barcos como o Mourad Didouche, o último gaseiro que entrou en Reganosa. E o sector segue a medrar; nos parques hai un 53% máis de potencia ca en 2003.
Os veciños piden participar dos beneficios
Pero que parte da riqueza xerada por estes muíños fica no país? Para Ventonoso, unha asociación de veciños de parques eólicos, demasiado pouco: só o 1% dos cartos repercute naqueles que máis sofren o impacto destas instalacións. Esta asociación reclama que a Xunta obrigue ás empresas a que o 10% dos beneficios vaia aos petos dos veciños.
A patronal contra os plans da Xunta
Pero é un obxectivo difícil. A Consellería de Industria quería que o 10% das accións dos novos parques ficasen en mans públicas. Porén, cambiou de plan tras as presións dos socios da EGA -maioritariamente non galegos. Os novos plans da Xunta pasan por primar nas concesións ás firmas que cedan un porcentaxe, pero non facelo obrigatorio.
A cuestión clave neste intre é se a patronal aceptará a idea do Goberno, ou se volverá a ameazar con levar o caso á Xustiza. Fontes da EGA néganse a valorar os novos plans da Xunta, pois din descoñecelos oficialmente. Iso si, están en contra de calquera tentativa de "proteccionismo por parte da administración". Estas mesmas fontes sinalan que o presidente da EGA, Manuel Pazó, valorará por vez primeira a proposta de Industria mañá en Enernova.