Amnistía Internacional colga na web imaxes de satélite, actualizadas regularmente, de vilas da rexión sudanesa vulnerábeis a sufrir ataques das milicias.
O conflito de Darfur provocou ao redor de dous millóns de refuxiados
Co obxectivo de facerlle presión ao goberno de Cartún (Sudán) para que lle permita o acceso á rexión de Darfur aos 'pacificadores' da ONU, a organización Amnistía Internacional, AI, comezou a pendurar na web fotografías feitas por satélite dunha ducia de vilas, que corren especial perigo de seren atacadas polas milicias dos janjaweed.
As imaxes, que está previsto que poidan ser consultadas dende esta cuarta feira, actualizaranse regularmente co obxectivo de darlle a entender ao goberno sudanés que van estar controladas intensamente, en previsión de calquera acción violenta que se poida producir.
AI informou de que as fotografías poden mostrar obxectos de até 60 centímetros de ancho, e que van permitir ver, por exemplo, se hai destrución dalgunha vivenda, o movemento de tropas, ou o desprazamento de refuxiados.
Discrepancias coa ONU
Máis de 200.000 persoas morreron e dous millóns foron desprazadas dos seus fogares dende o comezo do conflito en Darfur, en que se enfrontan os rebeldes (poboación negra) e o goberno (apoiado polas milicias janjaweed), dende 2003.
Cartún rebaixa a cifra de mortos a 9.000 e rexeita as acusacións de xenocidio. Ademais, non acepta o plan de despregamento das forzas de paz (da ONU e da Unión Africana) na zona, por discrepancias sobre quen debe controlar a operación.