Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Celeste Carilao, representante do pobo mapuche

“Somos un pobo, unha nación: temos un territorio e un idioma”

Atópase de viaxe por Galiza convidada pola Mesa, para recoller experiencias que permitan reinvindicar a normalización da lingua do seu pobo.

Modesto del Río - 09:00 03/06/2007
Bandeira mapuche

Bandeira mapuche

Celeste Carilao é representante do partido político mapuche Wallmapuwen, que representa un pobo cunha lingua, cultura e territorio propios pero non recoñecidos oficialmente, e dividido entre dous estados: Chile e Arxentina. Carilao estivo viaxando por Europa durante estes últimos días para coñecer a situación que viven outras linguas e culturas minorizadas e poder aplicar as experiencias no seu país.

A súa viaxe comezou na Bretaña, logo no País Vasco e finalmente en Galiza, onde remata o seu percorrido. Convidada pola Mesa pola Normalización Lingüística, Celeste Carilao participa nunha conferencia o sábado á mañá, co obxectivo de difundir a situación que vive a súa nación e para tentar crear en Wallmapu unha asociación semellante á Mesa.

Aló hai sete ou oito normativas diferentes, o que dificulta e entorpece o proceso
Vieiros: Cal é a situación da lingua mapuche no seu país?

Celeste Carilao: A situación é bastante complicada. Cada vez hai menos falantes. Dunha poboación de 600.000 habitantes só a falan 100.000 persoas, aproximadamente. A maioría son persoas adultas, de a partir dos 30 anos. As novas xeracións xa case non a falan. Non estamos recoñecidos como pobo polo estado chileno, e moito menos como idioma. Agora está a retomarse a reivindicación como pobo. Até agora o idioma era algo instrumental e o máis importante era recuperar a terra. Pero cada vez vai acadando máis prestixio.

V: Agora que está de visita no noso país, como ve o status do galego?

C. C.: Creo que hai máis avance en Galiza, porque a lingua ten un instrumento xurídico. Nós non. Estamos aínda comezando, porque a historia do pobo mapuche foi moi triste, dende a ocupación do territorio por Chile e Arxentina. Os movementos están tendo cada vez máis forza. É algo recente.

V: Cando comezou ese rexurdimento do mapuche?

C. C.: Despois da ocupación, denominada “pacificación” en Chile, comezaron a aparecer organizacións, que existiron até o goberno de Salvador Allende. Logo chegou a ditadura, que provocou a súa desaparición. Coa volta da democracia, a comezos dos 90, o movemento mapuche volveu cobrar forza. Antes era un movemento puramente indíxena, pero agora é máis nacionalista. Somos un pobo, unha nación. Temos un territorio, un idioma, e resistimos aos estados de Chile e Arxentina.

Descubrín un bo panorama de por onde poderiamos comezarV: Hai algún paralelismo entre o galego e o mapuche?

C. C.: Aquí hai moitos avances na normalización, porque hai unha norma. Aló hai sete ou oito normativas diferentes, o que dificulta e entorpece o proceso. Aquí xa se deu ese paso. Tamén hai un movemento social e iso é o que temos que facer aló.

V: Das experiencias que viu na súa viaxe, cales poderá aplicar no seu país?

C. C.: Comecei na Bretaña, logo en Euskal Herría e agora aquí. O domingo regreso a Wallmapu, o territorio mapuche. Eu falei da situación en Chile. En Arxentina é diferente: hai menos mapuches e o movemento nacionalista é máis recente. A idea é coñecer experiencias, e creo que no caso de Euskal Herría hai moitas organizacións que traballan a un nivel moi avanzado. Descubrín un bo panorama de por onde poderiamos comezar. Agora sei que o que queremos facer pódese facer.


Ligazóns

4,8/5 (10 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: