Pretenden defender os seus intereses e constituír un órgano de representación unificada das catorce empresas que a forman.
Catorce empresas do sector da música ao vivo uníronse na Asociación Galega de Empresarios Musicais (AGEM), co obxectivo de regular a música ao vivo e vertebrar o sector. Segundo explicou o seu vicepresidente, Juan Carlos Fasero, de Zouma Records, a pirataría e a caída do mercado discográfico están a provocar un rexurdir dos concertos.
A presidenta de AGEM, Raquel Seijo, de Nocturna Producciones, salientou o feito de que, ao estaren asociados, os empresarios da música ao vivo teñen máis capacidade de representación diante das institucións. O secretario, Xavier Alonso, de Nordesía, explicou que se unen como calquera outro tipo de empresarios, na defensa dos seus intereses, e que está a avanzar aos poucos de cara ao seu funcionamento pleno a finais deste ano ou comezos do 2008.
Amais da función interlocutora da AGEM, aspira a crear un panel de intercambio de ideas entre os seus socios e a se converter nun referente da industria musical do país. Os representantes da súa directiva, que de momento é provisional, explicaron que pretenden rematar co intrusismo.
Estudo do sector en Galiza
Entre os seus proxectos de futuro están a posíbel creación duns premios da música galega, que botaron en falta, e analizar a situación do sector mediante un estudo que está a elaborar a Consellaría de Cultura.
Malia que o traballo aínda non está rematado e non existe ningún referido especificamente ao noso país, calcularon que Galiza está no terceiro posto do Estado en cifra de negocio musical. Tamén pretenden vertebrar o sector estabelecendo metas comúns con Agafono, a Asociación Galega de Fonografistas.
AGEM está formada por Zouma, XXL, Sweet Tours, El Gato, Nocturna, Nordesía, Nalgures, Ideasons, Fábrica de Chocolate, Copra, Ciba, Berrogüetto, Abada e A Tempo.