Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
Xeración E Logo!

Normalización lingüística dende o útero

Unha nova iniciativa de Política Lingüística dotará de material ás nais e pais que estean a agardar un bebé para incentivar o uso do galego como lingua inicial.

Redacción - 18:17 29/05/2007

O programa "Xeración E Logo!" céntrase en recuperar a transmisión familiar da lingua de pais e nais a fillos e fillas. Encadrada na campaña xeral de promoción do galego, E logo!, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, esta nova iniciativa consiste en entregarlles ás xestantes unha serie de ferramentas, dirixidas tanto a elas como aos futuros pais, con información, consellos, un caderno do embarazo, e un disco con cantigas de arrolo interpretadas por músicos galegos. Estes materiais serán distribuídos para máis de 15.000 familias a través da rede hospitalaria e dos centros de atención primaria do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), aínda que tamén se inclúen na campaña os centros hospitalarios privados, todo coa corresponsabilidade da Consellería de Sanidade.

Trátase dun maletín que inclúe a guía Ides ter un bebé. Algúns consellos e ideas para este tempo de espera, unha escolma de nomes galegos, un marco para fotos para apuntaren os datos do bebé, unha escolma de cancións de berce e xogos de iniciación para transmitirlles palabras e afectos aos naipelos, e un recordatorio para apuntar Momentos especiais para contarlle cando naza. Tampouco falta o cedé Cantos de arrolar, para que, mentres o pai ou a nai non aprenden as cantigas, as interpreten o dúo integrado por Guadi Galego e Guillermo Díaz, Espido, Mercedes Peón, Luar na Lubre, Uxía e Xabier Díaz, quen tamén lle puxo música ao acto de presentación co seu Arrolo de Sísamo. Podemos descargar todos estes materiais na rede.

Segundo a secretaria xeral, Marisol López, son destinatarias da acción "estas dúas xeracións que teñen na súa man que non se produza en Galicia unha fractura na transmisión da lingua: os bebés, que determinarán a fortaleza do galego do mañá, e as nais e os pais, que son os axentes principais na transmisión inicial da lingua". López apuntou tamén que falarlles aos nenos galegos na lingua propia do país significa "situalos no contorno natural en que van medrar, axudalos a entender mellor a realidade que os arrodea".

Suxestións para nomes

Segundo un estudo de Ana Isabel Boullón Agrelo e Xosé Mª Lema Suárez, baseados en datos do IGE do 2005, os antropónimos están a vivir un proceso de regaleguización: Brais e Uxía son as formas patrimoniais galegas preferidas de moitos pais e nais á hora de nomearen ás crianzas. Uxía saltou do posto 44 ao 15 dos nomes de muller máis abundantes en dez anos, e Brais xa anda polo 13 na lista de nomes masculinos.

Ademais destes exemplos, outros nomes patrimoniais como Alberte, Antón, Mariña, Xoán, Martiño, Xosé, Carme, Brais, ou Xián están a ser recuperados. Tamén hai quen lle pon aos fillos nomes da nosa Idade Media, que soan a trobador ou raíña, como Aldara, Ximena, Héitor, Artur, Fernán, Roi, Nuno, Paio... Con todo, os nomes preferidos polos pais para os seus fillos en Galicia son os que teñen formas coincidentes en castelán e en galego; por exemplo, Lucía, Paula ou Daniel. Mesmo hai quen recorre a formas tradicionais que perviviron como apelidos (Airas, Lois, Xurxo, Fiz), hipocorísticos como Catuxa (de Catarina), Sabela (de Isabel), Xela (de Ánxela),ou Xandra (de Alexandra), ou topónimos e hidrónimos (Antela, Irimia, Aldán), ademais de formas procedentes de mitos, como Suevia, Breogán, Artai, Maeloc, ou Celtia. Tamén na web poderemos escoller nomes en galego.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: