Ehud Barak e Ami Ayalon disputarán en Israel a segunda volta das eleccións internas do Partido Laborista. Os dous coinciden en querer sacar a formación do executivo.
Até este martes non se coñecerán os resultados finais, pero as primeiras proxeccións publicadas pola prensa israelí falan dunha estreita diferencia entre o ex primeiro ministro Ehud Barak e o ex xefe dos servizos de espionaxe Ami Ayalon.
O resultado confirmaría a caída do actual líder do partido, Amir Peretz, cunha baixa valoración despois do seu protagonismo durante os ataques ao Líbano do exército israelí nos últimos meses, operacións realizadas con Peretz á fronte do Ministerio de Defensa.
Barak e Ayalon coinciden na vontade de sacar os laboristas da actual coalición de goberno co Kadima, aínda que poderían manter o apoio no caso de que esta formación forzase a renuncia do actual primeiro ministro, Ehud Olmert. Mentres, o Kadima decidiu que Simon Peres, ex primeiro ministro e antigo membro do laborismo, sexa o candidato do partido ás eleccións presidenciais do próximo 13 de xuño.
Máis en Haaretz