Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Tempos Novos

Xestionado por Tempos Novos
RSS de Tempos Novos
BERNARD CASSEN, DIRECTOR XERAL DE LE MONDE DIPLOMATIQUE

"A Unión Europea é unha caricatura da democracia representativa"

En español ou en francés, as súas ideas vadían por entre a militancia altermundialista e mais a prensa de referencia. E perante a probábel risada de Tony Blair, é dos que aínda acreditan nunha vella terceira vía para esta nova Europa: inclusión e socialdemocracia. Bernard Cassen foi convidado polo Clube Internacional de Prensa, para falar no ciclo "Os latexos do mundo". Logo, durante a entrevista, apouséntase calmo nas dúas tribunas que sosteñen o seu discurso: a Asociación por unha Taxa sobre as Transaccións especulativas para Axuda aos Cidadáns (ATTAC), da que foi presidente até 2002, e o xornal mensual Le monde diplomatique, do que é aínda director xeral. En ambas, o diagnóstico coincide. O neoliberalismo entraña o virus máis letal do século XXI. Unha entrevista de Aurelio Castro con fotografías de Quico López.

TEMPOS Novos - 08:00 28/05/2007
Bernard Cassen, en Compostela

Bernard Cassen, en Compostela

ATTAC non se presenta nin coma partido político nin coma ONG. Trátase de adquirir novos espazos de autonomía para a esquerda contemporánea?

En Francia, para nos referir a ATTAC, nunca empregamos a palabra “esquerda”. Somos un movemento de educación popular, entornado cara á acción. Ao comezo nacemos simplemente coma unha organización anti-neoliberal. A nosa primeira demanda correspondíase coa Tasa Tobin, mais é soamente unha das tantas que cómpre efectuar contra a xestión neoliberal. A maneira de relacionármonos coa esfera política é complexa.

Ha de implicar unha indefinición terminolóxica?

Temos que falar para toda a xente, sen facer referencia a esquerdas ou dereitas, que son termos propios do eido político. Concretamente, proceden do lugar que cada grupo ocupaba no hemiciclo da Asemblea Nacional, durante a Revolución Francesa. É evidente que a meirande parte das persoas que participan en ATTAC son de esquerdas. Emporiso, de nos querer inserir na sociedade civil, hai que estender principios dos que se poidan apropiar tamén quen non se recoñecen baixo a categoría “esquerda”. Máis aínda cando, particularmente en Franza, os chamados partidos de esquerda practican políticas de dereita. Pola contra, as nosas tarefas cadran coa desmontaxe, deconstrución e explicación das lóxicas neoliberais e do sistema económico.
A disputa vén por un 0,1 por cento. Esta é a taxa que James Tobin cavilara para gravar a circulación especulativa de divisas, dun estado a outro. A súa primeira vocación era, no entanto, alicerzar máis e mellor o libre mercado. Cando ATTAC converteu esta cifra impositiva na súa bandeira antiglobalización, o premio Nobel de Economía declaraba amolado: "o aplauso máis sonoro procede dun lugar errado". A Bernard Cassen (París, 1937) esta pexa parécelle "unha das moitas" que cómpren, para amarrar a desorde neoliberal. Ao tempo, traballa nunha illa informativa contra "os donos do mundo". Le monde diplomatique, como hai ben pouco a República Bolivariana, adoita dicirlle que non, mes a mes, á cobiza do Fondo Monetario Internacional.
E alén dos sectores propiamente da esquerda, xurdiron complicidades inéditas co programa de ATTAC?

Na campaña do Non á Constitución Europea, en 2005, organizáronse centos de encontros e debates. Lémbrome aínda de Gap, onde acudiron moitas persoas. Sería marzo ou abril. Estaba mesmo o alcalde da cidade, que era de dereitas. Asistiu ao acto, escoitouno todo. A capacidade de convocatoria de ATTAC quere sobordar as maneiras tradicionais de aliñamento ideolóxico. Se nos dixésemos de esquerdas, por exemplo, el non viría. E non paga a pena dicírmonos de esquerdas, porque xa o son as políticas que abeiramos. Con todo, non é un só un enfoque táctico.

O fornecemento do Estado do Benestar é un dos campos de batalla da súa organización. Mais no estadio actual do capitalismo, tal pacto social é aínda sostíbel?

O neoliberalismo europeo xa comezou a desarmalo. E vai gañando. Nos últimos quince anos, en Francia, a fracción de riqueza nacional destinada á renda dos traballadores diminuíu un 10 % a prol dos ingresos do capital. Arestora, os procesos económicos rexeitan calquera forma de benestar social. E sen financiamento, os servizos públicos tampouco dan sobrevivido. De feito, hai contra eles unha sabotaxe aberta, para nos diciren logo que non funcionan, que é mellor privatizalos. Dende ATTAC non só defendemos o seu mantemento, senón asemade a súa mellora para garantir o conforto de certos colectivos, coma a pequena infancia ou a cuarta idade. As condicións contemporáneas de vida esixen máis equipamentos, máis centros, máis atención coas persoas.

Ao tempo, organismos supranacionais coma o Fondo Monetario Internacional (FMI) ou o Banco Mundial (BM) adoitan interpoñer, por riba da precariedade social, a retórica do experto en economía.

Trátase de atacar ese discurso, sobre todo. Nós facémolo cos principios e prácticas tanto do FMI coma do BM e tamén, coas súas versións continentais: a Comisión Europea e o Banco Central Europeo. Entre eles constituíuse unha unidade de pensamento. Falta por engadir a Oficina pola Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE), afincada en París, que soamente produce textos, análises, propostas, de caste neoliberal. É un organismo de gobernos. É dicir, estámoslle a pagar a un conxunto de persoas, “expertas”, que en cada documento desaproban despoticamente o salario mínimo, o estado do benestar, todas as vantaxes sociais. A OCDE é o comisario político da globalización.

Vostede asegurou que a UE se desenvolve consonte a un déficit democrático, tanto político coma económico. En que senso?

Teriamos que pescudar primeiro no propio sistema de pensamento neoliberal. Vale para o BM, para a UE ou para o FMI. Este último, por caso, elaborou un documento en 1990 que define as condicións que han de aceptar aqueles países “beneficiarios” dos seus préstamos: privatización dos servizos públicos, apertura ao comercio exterior, supresión das barreiras aduaneiras, de subsidios, etc. Coñécese coma o “Consenso de Washington”. Pero o FMI somos nós. Cada goberno participa de xeito directo nel. Na UE é máis ou menos a mesma cousa: axúntase un Consello de Ministros, toma decisións, adopta directivas que logo caen en cada estado membro para se traduciren ao dereito nacional. Ben a miúdo sentímoslles dicir: “Non podemos facer nada, é Europa, son medidas europeas”. E daquela a poboación cre que se redactaron na lúa.

A UE virou unha escusa para poder seguir funcionando a propia UE?

É moito máis doado vender unha medida impopular no seu nome, que no do Goberno español. Todos os primeiros ministros soben aló arriba e despois a decisión descende aos parlamentos, que soamente son consultados ao respecto -se é que o son-. Dos contidos lexislativos que nos rexen, entre dúas e tres terceiras partes teñen orixe europea. Isto é, sen que cada parlamento, aínda menos a cidadanía, exerza sobre eles ningunha influencia. A UE é unha caricatura da democracia representativa.

Ningún partido político parece disposto a corrixir este status quo.

Nin os gobernos nin as oposicións protestan, porque é máis cómodo traballar neste ámbito supranacional á marxe do control parlamentario. Os inimigos dos gobernos sempre son os parlamentos. E neste senso, hai un cheque en branco. Precisamos emendar tales regras do xogo, acadar unha nova articulación entre os niveis europeo e estatal. Por outra banda, o Parlamento da UE ten apenas lexitimidade. Primeiro, por non ser verdadeiramente europeo: as eleccións celébranse en cada país, segundo criterios distintos e consonte a fins de cadansúa política. Segundo, porque a abstención é moi elevada. En xuño de 2004, mes e medio logo da entrada de dez novos membros, a participación nestes foi dun raquítico 18 %.

A entrevista completa, na edición impresa de TEMPOS Novos (nº 120, maio de 2007)


4/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: