Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
30 anos da Editorial Alvarellos

"Cando comezamos, a edición era artesanal. Hoxe é unha industria cultural"

Henrique Alvarellos concedeunos esta entrevista con motivo do libro que acaban de presentar co gallo do triséximo aniversario dunha das editoras máis veteranas do país.

Lara Rozados - 14:07 26/05/2007
Henrique Alvarellos Casas

Henrique Alvarellos Casas

A editorial Alvarellos, fundada en Lugo no mes de maio de 1977, publica un libro conmemorativo onde participan trinta editores, escritores, xornalistas, libreiros, mestres e promotores culturais galegos. O volume recolle imaxes inéditas e documentos das súas tres décadas de vida, é unha homenaxe á figura do seu fundador, Enrique Alvarellos Iglesias, aos tres anos do seu pasamento, e reflexiona tamén sobre o mundo do libro e da edición en Galiza. Entre os colaboradores figuran Isaac Díaz Pardo, Paco del Riego, Xavier Alcalá, Xosé Ramón Barreiro, Miguel Anxo Fernán Vello, Ramón Villares, Manuel Bragado, Ánxela Bugallo, Xesús Alonso Montero, Anxo Tarrío ou Marcos Valcárcel.

Alvarellos: 30 anos de edición en Galicia
conta tamén co estudo introdutorio "Notas para unha historia do libro en Galicia, 1966-2007", onde o actual director e editor da empresa, Henrique Alvarellos Casas, realiza un percorrido cronolóxico sobre os feitos máis sobranceiros deste proxecto editorial. Será presentado nas próximas semanas en senllos actos públicos en Lugo e Compostela.

Vieiros: Como xurdiu a idea de crearen este libro colectivo?


Henrique Alvarellos: Hai un ano comezamos a pensar en preparar algo, e, lonxe de calquera outro acto ou iniciativa, no primeiro no que pensamos, loxicamente, foi en editar un libro, que é o que levamos facendo toda a vida. Entón propuxémosllo á xente relacionada dco sector editorial, persoas vencelladas aos comezos da editorial ou ao meu pai, e rematamos por xuntar a 33, contándome a min. Hai dende estudos moi teóricos sobre a industria editorial e o libro en Galiza, até ensaios moi particulares ou anécdotas que resultan da experiencia persoal. Foi moi valioso contar coa axuda de Francisco Fernández del Riego ou Isaac Díaz Pardo, os promotores das editoriais máis veteranas.

V: Cal é o balance que fai no seu estudo introdutorio?


H.A.: En canto ás Notas, é unha cronoloxía feita cos datos máis sobranceiros, dende os comezos, que foron no 66, até hoxe. No principio, a editorial dedicábase basicamente á edición de autor, non estivo rexistrada até o 77. O cambio foi enorme: nos anos 70 editábanse en Galiza uns 60 libros ao ano, e hoxe falamos de 1.800, de tres ou catro diarios. Se daquela había seis ou sete editoriais, hoxe estamos nas 40 e pico, e se o traballo naquel entón era artesanal, moi combativo e ideoloxizado, liderado por Ediciós do Castro e Galaxia fundamentalmente, hoxe chegamos a unha industria cultural, en que gozamos dun momento de enorme creatividade e de produción en todo tipo de xéneros, de formatos...

V: Como sobrevive unha editorial pequena no panorama actual? Cales foron as liñas de acción de Alvarellos?

H.A.: Unha editorial independente, pequena, de tipo familiar, levada por dúas ou tres persoas, saca uns 10 libros ao ano. Non é algo que se fai para vivir, senón que cadaquén dedícase a outras cousas.

En canto ás liñas de acción, están moi definidas: por unha banda, a recuperación de clásicos: xa no 68 editárase a Historia de Galicia de Benito Vicetto, que databa de 1865. Meu pai foi o primeiro en editala, e foi en varios tomos, a unhas 500 pesetas cada un. Por outra banda, dábaselle un pulo ao que naquel momento era a nova narrativa: Manuel María, Xavier Alcalá... A súa primeira novela, A Insua, saíu en Alvarellos (no 1978), aínda que logo sería publicada como Fumes de papel en Galaxia. Ante todo, tratábase de que fose unha editorial popular, que publicase volumes alcanzábeis.

Cando tomei o relevo, continuei co rescate de facsímiles: toda a literatura xornalística dos nosos clásicos, que escribiron moitísimo nas décadas do 30 ao 60: Otero Pedrayo, María Mariño (sacamos Más allá del tiempo, a súa obra inédita en castelán), Celso Emilio Ferreiro, Álvaro Cunqueiro, Eduardo Blanco Amor, Ánxel Fole... Houbo un momento en que se comezou a producir unha especialización nos facsímiles de luxo: enciclopedias, as obras completas do cura de Fruíme... O que pasa é que a estratexia de venda tiña que ser outra: na vez de libraría, venda directa. Ao tomar o relevo, volvín popularizar os exemplares: eran edicións moi coidadas visualmente, con tapa dura, etc., pero máis accesíbeis.

V: Cales son os plans para o futuro?

H.A.: Pois seguiremos coa colección "Rescate", que está a darnos moitas satisfaccións: recompilamos a obra de Urbano Lugrís, pintor e escritor moi respectado no seu tempo, pero que sempre publicou en prensa, en Balada de los mares del norte. Por outra banda, seguiremos coa colección gastronómica "A lume lento". Despois do éxito de 45 receitas con ortigas, gañadora do premio Goumard, que é algo así como o Óscar da literatura gastronómica. Agora estamos próximos a publicar 50 receitas con filloas e 60 receitas con castañas. Son receitarios feitos con produtos galegos, pero pensando no público xeral. Tamén temos un libro de relatos de Antón Grande.

V: E como se presenta o panorama editorial actual?


H.A.: É bastante contraditorio, xa que, por unha banda, hai unha enorme creatividade e prodúcense unha chea de libros en galego, e, pola outra, en número de lectores estamos á cola do Estado, que xa está á cola de Europa. Este paradoxo dá que pensar... O sector está moi sostido polos libros de texto, pero as vendas son moi baixas. O que pasa tamén é que de cada libro tíranse moi poucos exemplares, teñen un percorrido rápido. En resumo, hai moitos títulos, moita creación e moita calidade, pero en cifras de negocio, os resultados non son tan bos. Tampouco se poden obviar as novas tecnoloxías: Internet está aí presente, e con ela novos hábitos de lectura.

V: Como valora as medidas lexislativas lanzadas recentemente para favorecer a industria do libro?


H.A.: As administracións teñen toda a responsabilidade á hora de aumentar os índices de lectura. Temos unha cifra preocupante de persoas que admiten non ter lido ningún libro no último ano: o 51 ou 52% da poboación. A Lei do Libro e a Lectura era agardada coma auga de maio por todo o sector editorial. Xa o feito de que sexa considerado como un sector estratéxico dá moitas esperanzas, pero haberá que deixar que pase o tempo. Ten que ser un proxecto global e multidisciplinar, que atenda a todos os sectores: por exemplo, cómpre dotar de fondos as bibliotecas, e, sobre todo, facer delas lugares atractivos.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: