Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Pola gratuidade dos libros de texto

Editores e libreiros galegos din estar vivindo unha "situación delicada"

Reducíronse as vendas no sector do libro en Galiza un 51% dende que a Xunta implantou o sistema de empréstito dos libros de texto en 2003. O pasado ano vendéronse un terzo menos de libros de texto en galego que antes de se aprobar esta medida.

Redacción - 18:53 24/05/2007

O sector editorial en lingua galega presentou un informe, elaborado pola Unidade de Psicoloxía do Consumidor e o Usuario da Universidade de Santiago de Compostela (USC Psicom), que advirte do "risco dunha situación de afundimento total da industria editorial" xa que o actual sistema de empréstito "está a resultar desastroso" para este sector.

A Asociación Galega de Editores (AGE) e a Asociación Nacional de Editores de Libro de Material de Ensino (Anele) presentaron un estudo no que din ter rexistrado unha importante caída nas vendas dos libros de texto desque está instaurada a lei de gratuidade mediante o sistema de empréstitos.

Para que o sector non se veña abaixo, os libreiros e editores avogan por mudar o actual sistema por outro que se basee nas axudas directas ás familias para a compra do material escolar. Observando a experiencia de Asturias e Cantabria, onde xa se decantaron polo segundo modelo, as asociacións de editores e libreiros pretenden demostrar que o custo medio que lle suporía ao goberno introducir o sistema de axudas, en detrimento do de empréstitos, só sería duns 30 euros máis por alumno, o que chegaría para compensar as perdas do seu sector.

O estudo presentado tamén xustifica a implantación do sistema de axudas nas peculiaridades do mercado editorial en galego, que o fan especialmente sensíbel ás perdas económicas. Estas son, segundo os editores e libreiros, o reducido número de alumnos que están matriculados no sistema educativo obrigatorio e tamén a baixa implantación da lingua galega nas materias do ensino obrigatorio.


0/5 (0 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Un libro. Flickr: lui lui
Un libro. Flickr: lui lui