Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
EUROPA XA NON É O SANTUARIO DA LIBERDADE DE EXPRESIÓN

A censura estatal avanza en internet

Expertos de Cambridge, Oxford, Harvard e Toronto denuncian "control exhaustivo" en Cuba, "escoitas de conversas" nos EE.UU e bloqueo de blogs en Marrocos. Venezuela sae ben parada do análise.

M.V. - 16:31 24/05/2007
A OI denuncia autocensura en Cuba

A OI denuncia autocensura en Cuba

OpenNet Initiative (OI) -un grupo de expertos das universidades de Cambridge, Oxford, Harvard e Toronto- acaba de publicar un exhaustivo informe sobre a censura en internet en todo o planeta. O resultado é alarmante, pois apenas existen estados nos que haxa unha situación de total liberdade de expresión.

“En menos dunha década, internet en Europa ten evolucionado dende unha situación marcada pola ausencia de controis ata outra na que a maioría dos estados, especialmente na Unión Europea, filtran o acceso aos contidos”, denuncia o informe.

Que é ilegal en Europa?

Os expertos sinalan que o principal perigo para a liberdade de expresión en Europa son as barreiras levantadas coa escusa dos “contidos ilegais”. A OI critica a “confusa” definición do que é un “contido ilegal”, algo que varía en cada estado. Esta confusión empurra aos provedores de internet e aos buscadores á autocensurarse, para evitar asi a promulgación de leis máis restritivas.

“Multas excesivas” en Cuba

“Os poucos que poden acceder á rede sofren un control exhaustivo e multas excesivas por publicar opinións en contra do poder, o que provoca un clima de autocensura” . Así definen os investigadores a situación en Cuba, país no que -ademais do control do réxime de Castro- o bloqueo dos Estados Unidos limita en extremo a posibilidade de navegar no ciberespazo. E é que unha única conexión de 124 megas por segundo é o que hai para servir ao case millón de cubanos que, segundo o Estado, usa a Rede.

Sen censura en Venezuela

A diferencia do réxime de Castro, o aparato que comanda Hugo Chávez non impón restricións ao acceso ás webs nin a publicación de opinións. Iso si, os expertos ven con preocupación o clima de presión sobre os medios e a nacionalización do principal operador de telecomunicacións, CANTV.

O Sahara é tabú no ciberespazo marroquí

A OI afirma que Marrocos bloquea poucos sitios, sobre todo ligados ao conflito do Sáhara Occidental. Tamén atopou barreiras de acceso a servizos para navegar de xeito anónimo e servidores de blogs. Malia todo, esta censura semella non ser nin exhaustiva nin eficaz, en opinión dos expertos da OI.

Os EE.UU. vixían os chats

O informe recoñece que os Estados Unidos non bloquean o acceso a sitios web de forma masiva. Así e todo, advirte que estase a crear gran cantidade de leis que declaran certos contidos ilegais, en razón a catro argumentos: protección da infancia, seguridade nacional, propiedade intelectual e seguridade informática. É máis, os expertos denuncian que “os Estados Unidos están probablemente entre os países máis activos nas escoitas das conversas a través de internet”.


5/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: