Decadencia e caída das universidades europeas é o subtítulo deste libro, en que se fai unha crítica satírica -mais feroz- de, entre outras cousas, o Espazo Europeo de Educación Superior.
Portada da obra
O catedrático de Historia Antiga da USC, Xosé Carlos Bermejo, presenta este xoves en Compostela, a partir das 20.00 horas no salón de actos da Facultade de Filosofía e organizado pola asociación Fírgoa, o seu libro A aurora dos ananos. Decadencia e caída das universidades europeas (editado en español), que "constitúe unha hilarante á vez que aceda sátira sobre as actuais tendencias mercantilizadoras da Universidade". Esta semana falou con Vieiros.
Como xorde este libro?
O proceso de converxencia é unha cuestión trivial, non vai máis alá de ser un sistema contábel para poder validar as titulacións, entre os diversos países europeos. Unha vez asumido que non hai nin vai haber unha Constitución Europea, o Espazo Europeo de Educación Superior, EEES, (coñecido popularmente como proceso de Boloña) o único para o que vai servir é para homologar titulacións, para que, por exemplo, aquel que estude Dereito en Alemaña poida ter recoñecidos os seus estudos en Francia.
Propiciará cambios importantes o EEES?
Esa universidade mística que nos propoñen non vai cambiar o principal, que son os profesores, os alumnos, os contidos... a Historia da Química, por pór un exemplo, vai seguir sendo a mesma. As cousas non mudan por decreto. Os hábitos dos alumnos e dos profesores seguirán sendo os mesmos.
Cales son as características principais desta mudanza?
Primeiro, trátase dun proceso delirante de burocratización. A universidade convértese nun continuo trámite de papeis. Os profesores pasan a ser funcionarios, 'xestores académicos', que de feito é como se nos recoñece. E segundo, vai destruír as esencias da Universidade europea, que está asentada en valores morais e sociais, de servizo público e pública en si mesma, e vai instaurar unha Universidade mercantil, ao estilo da existente nos EUA, onde esta pasa a ser subsidiaria das empresas.
Vostede critica unha especie de dobre moral nos defensores do proceso...
Hai un paradoxo e unha contradición en todo isto. Porque se se defende este segundo modelo mercantilista, o lóxico sería seguir criterios económicos e non sociais na xestión das nosas universidades. Por exemplo, habería que eliminar todas as carreiras que se repiten en varios campus como Dereito ou Químicas. Habería que eliminar as Filoloxías porque non teñen demanda. En definitiva, habería que pechar moitas facultades. E chegados a este punto, sendo coherentes, deberían ser as empresas as que paguen ás universidades, como se fai nas estadounidenses por exemplo.
Cal será a principal consecuencia do proceso de Boloña?
O coñecido como proceso de Boloña significa o paso da universidade pública, que serve ao Estado, cara á Universidade mercantil, ao servizo das empresas. Neste senso, estase a propoñer, incluso, que sexan os presidentes das Comunidades Autónomas e non os membros da universidade os que designen o reitor.
Vostede usa o humor nesta obra para expor a súa crítica ao proceso...
O libro pretende abordar este asunto dende a crítica mordaz. Usando a linguaxe propia das matemáticas, do dereito ou da xeografía pretendo ridiculizar as contradicións do proceso, a burocracia desmesurada, o paso cara á ideoloxía de tecnócratas xestores sen que medie unha acción de goberno ou a supresión da idea de 'sociedade' pola de 'mercado'. Nos moitos anos que levo nisto, deime de conta que o único xeito de captar a atención do lector é mediante o humor.