Nunha audiencia pública celebrada na praza San Pedro do Vaticano, o Papa Bento XVI recoñeceu os "sufrimentos e inxustizas" que viviron os pobos indíxenas de América Latina durante a evanxelización e o proceso de colonización.
"Non se poden ignorar as sombras que acompañaron a colonización e a evanxelización de América Latina, nin esquecer os sufrimentos e as inxustizas infrixidos polos colonizadores aos pobos indíxenas, cuxos dereitos humanos fundamentais foron esmagados", asegurou Joseph Ratzinger.
Estas palabras contradín ás ditas durante o seu discurso pola inauguración da V Conferencia Xeral do Episcopado Latinoamericano e do Caribe (CELAM), en Aparecida (Brasil) onde asegurou que a introdución do cristianismo en Latinoamérica "non supuxo en ningún momento unha alienación das culturas precolombinas, nin foi unha imposición dunha cultura extraña".
Nesa oportunidade afirmou que "Cristo era o salvador que os indígenas desexaban silenciosamente", unha posición oposta á súa predecesor Xoán Paulo II, quen en 1992, pediu perdón ás poboacións indíxenas polas violacións cometidas polos cristiáns durante a conquista de América.
A estas declaracións do Papa durante a súa visita a Brasil, reaccionaron algúns líderes indíxenas latinoamericanos, así como políticos da rexión, entre eles o presidente Hugo Chávez, quen cualificou a evanxelización en América como algo "moito máis grave que o holocausto na II guerra mundial".
"Ninguén pode negar esa verdade, nin a súa Santidade pode vir aquí, á nosa propia terra, a negar o holocausto aborixe", considerou o presidente Hugo Chávez, quen ademais solicitou a Bento XVI unha desculpa aos pobos autóctonos de América Latina, por negar que a colonización "sexa unha imposición".
O xefe de Estado boliviano, Evo Morales, tamén reaccionou ante as palabras do Papa en Brasil, sobre a colonización e os pobos indíxenas.