Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Brasil, A India, Mali, México

As voces femininas da diversidade

Adriana Calcanhotto en Compostela, Lila Downs en Ourense, Anoushka Shankar na Coruña e Oumou Sangare en Vigo. Catro propostas para enchouparnos de world music na voz das mulleres. Aquí podemos ver a Oumou en directo:

Redacción - 12:00 24/05/2007



Este sábado pola noite, dúas voces femininas da World Music soarán ao unísono en dúas cidades galegas. Xa como adianto, este xoves, poderemos gozar en Vigo e Ourense doutras dúas artistas. Vai ser difícil escoller! Comezamos en Compostela, onde a brasileira Adriana Calcanhotto ofrece o penúltimo concerto deste semestre de Sons da Diversidade.

O Auditorio de Galicia acolle as cancións de Pelos ares a partir das 21.00. A cantante naceu e criouse en Porto Alegre (Brasil), filla dun músico de jazz e bossa e unha bailarina. Medrou entre discos de Astor Piazzolla, Pink Floyd, Miles Davis, João Gilberto... Unha bagaxe que lle serviu para converterse na revelación brasileira dos 90. Agora chega a Compostela a mostrarnos todo o seu talento musical. As entradas teñen un prezo de 15 euros con descontos do 50% (7,50 euros) para persoas xubiladas e estudantes, e pódense obter a través da web www.caixagalicia.es ou chamando ao 902 434 443.

Música de tres continentes

Mentres tanto, no Coliseum da Coruña, Anoushka Shankar e o seu sitar farannos viaxar dende a tradición musical da India até o chill out. A artista, irmá de Norah Jones e filla do lendario virtuoso do sitar Ravi Shankar, foi candidata ao Grammy Award na categoría de Best World Music Álbum, ten colaborado con Sting en Sacred Love, e mesmo ten tocado baixo a batuta do gran Zubin Metha, coa London Philharmonic Orchestra, o Concerto nº.1 para sitar e orquestra. Tamén interpretou con Mstislav Rostropovich unha composición do seu pai Ravi Shankar para sitar e chelo. Agora poderemos vela cunha impresionante formación: Leo Dombacki ao piano, Tammoy Bose á táboa, a frautista Ravichandra Kulur, a baixista Clarence Gonsalves, os sons eléctricos de Nick Able, a percusión de Pirashanna Thevaraja e a voz de Aditya Prakash.

E xa o xoves, no Centro Cultural Caixanova, de Vigo, "a estrela feminina dos sons wassoulou" ofrece un concerto ás 22.30. A maliana Oumou Sangare é algo máis ca unha voz fermosa: cantautora, cronista social, defensora dos dereitos das mulleres, voceira da súa xeración e do seu sexo... É nestes momentos a cantante máis importante de África. Coa súa imponente estatura, desafiante beleza e extraordinaria voz, non deixou a ninguén indiferente nos escenarios internacionais. Nesta xira vén acompañada de dez músicos. Oumou canta coa sinxeleza e a forza musical de Aretha Franklin ou Patsy Cline, e asegura "loitarei ata o fin dos meus días polos dereitos das mulleres de África".

E aínda hai máis! Mentres África soa en Vigo, México vibrará en Ourense da man da artista Lila Downs: ás 20.30 estará no Auditorio Pazo de Congresos Municipal de Ourense. Recibiu o Grammy Latino 2005 ao mellor álbum folclórico por One Blood. Quería cantar ópera, pero o seu amor polo nomadismo e polas tradicións levouna por outro carreiro. A súa música non ten intencións humanitarias, dálle directamente ao corazón e á conciencia. O seu estilo ecléctico achégase ao jazz, sen deixar as súas raíces. As tres últimas actuacións enmárcase dentro do ciclo "Música Babel", no que Caixanova presenta propostas de diferentes partes do mundo con artistas de recoñecido prestixio no eido internacional. Podemos obter as entradas, de prezo entre 15 e 20 euros, a través da web www.caixanova.es ou chamando ao 902 504500.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: