A construción dun muro e a toma de mostras de olor de activistas, son as novidades nos excesos policiais antes do cumio dos países máis ricos.
"Estas prácticas recordan os métodos da Stasi", criticaba esta semana na prensa alemá o vicepresidente do Parlamento, o socialista Wolfgang Thierse, lembrando os procedementos da policía secreta da vella República Democrática de Alemaña.
O enfado de partidos e grupos en defensa dos dereitos civís vén pola toma de mostras de olor de activistas de colectivos críticos co cumio do G8, aos que as autoridades consideran potencialmente "perigosos". A práctica fana coa fin de adestrar os cans cos que vixiarán que os altermundistas non accedan á zona onde se reunirán os líderes mundiais. Tamén denuncian a construción dun valado arredor do recinto onde terá lugar a xuntanza, muro ao que varios políticos da oposición alemá cualifican de lembranza de "tempos pasados".