Silas Rondeau presenta a renuncia despois de ser sinalado pola policía como presunto receptor de comisións desde unha empresa implicada en grandes fraudes.
Rondeau accedera ao goberno Lula no medio do anterior escándalo de corrupción despois de que o presidente brasileiro decidise unha reforma profunda do seu equipo. Agora, o ministro anuncia que deixa o cargo á fronte da carteira de Enerxía para evitar que "o sector enerxético, clave para o desenvolvemento do país, sexa prexudicado, e que a imaxe do goberno sexa dalgún modo afectada".
Na súa carta de despedida asegura a súa "completa e absoluta inocencia" en relación ás denuncias presentadas contra el e di ter a certeza de que "todo será esclarecido". A denuncia policial implícao na presunta recepción de comisións por valor de algo menos de 40 mil euros coas que unha construtora tería gañado a adxudicación pública para estender liñas eléctricas en zonas pobres do Brasil. Rondeau pertence ao Partido do Movemento Democrático Brasileiro, PMDB, unha das formacións que apoia o goberno de Lula da Silva.