O artista, nado en Buño, amosa medio cento de pezas de arxila na casa de xantar compostelá.
O artesán oleiro Manuel Caamaño Añón expón no restaurante O Dezaseis, na compostelá rúa de San Pedro, unha mostra da súa obra. Pódense ver alí medio cento de pezas individuais de arxila refractaria decorada con incrustacións de porcelana, óxidos e esmaltes de dolomita, máis obras elaboradas en gres de torno e porcelana traballada na roda, tamén decoradas con esmaltes e óxidos.
Caamaño, nado en Buño en 1950, vive actualmente en Covas (Ames), onde ten un obradoiro artesán en que coce as súas pezas a unha temperatura de preto de 1.300 graos. Posúe a Carta de Mestre Artesán número 15 do noso país, e segue a investigar novas técnicas de elaboración.