Xunto con
Galicreques, organizado pola Asociación Cultural Barriga Verde dende a
Sala Yago compostelá para comezar o curso con entusiasmo, en torno a comezos de outubro, O Festival Internacional de Títeres de
Redondela é o outro grande evento para os monicreques de todo o planeta. Bonequiños de madeira, tea, fíos, para pór na man como unha luva, siluetas para facer sombras chinesas e mesmo títeres tan pequechos como un dedal ou feitos co propio corpo do titiriteiro, chegan dende a India, Kenia, Arxentina ou Hungría.
Dende Galiza, preséntase por primeira vez o grupo de animación de rúa vigués Zancalino Produs, un exército de zancudos capitaneados por Avelino González na súa motocicleta xigante, e as charangas NBA, formada por un grupo de amigos de Betanzos, Oleiros, e Cambre que levan vinte anos animando as festas de toda Galiza, "Os Jaláticos" de Marín, e a Turre's Band.
Entrando xa de cheo nas compañías de títeres, este ano é especialmente heteroxénea a participación no festival: os asturianos
Kamante Teatro confrontan actores e obxectos en
¡Que viene el lobo!. A catalá
La Baldufa cóntanos a historia de Monsieur Bocamoll, Marcello o mecánico inventor, e Ursus, o piloto acrobático, no espectáculo de rúa
Zeppelin. Tamén dende Lleida veñen
Fadunito, co espectáculo itinerante de rúa "La Gran Familia".
Marionetas de toda Europa...A italiana
Laura Kibel trae unha modalidade de técnica que xa coñeciamos da man de Hugo e Inés na anterior edición do festival: os títeres "corporais":
Và dove ti porta il piede, ou
Vai onde te leven os pés, é o consello destas marionetas que xorden do propio corpo da actriz. A francesa
Petits Miracles, compañía nada da man de Dominique Kerignard, trae
Les Puces savantes, un divertido espectáculo de doma de títeres-pulga no circo, cos seus malabaristas, acróbatas, cuspidoras de lume, equilibristas... K.O. MIC, creada en Rennes por Geraldine Menuet e William Voisin, propón dous espectáculos de rúa:
Jean-Martin du Vérin e
Jean-Sébastian du Roulement qui Craque.
O ruso Viktor Antonov é unha das figuras máis destacadas na arte de creación e manipulación de bonecos no seu país:
Circus on strings é un circo de marionetas de fío para toda a familia. E tamén dende o Leste veñen os húngaros
Mikropódium, fundada por András Lénárt,
Stop está feito coa técnica chamada precisamente "Lénárt": o espectáculo, mudo, realízase nun escenario moi pequerrechiño con títeres do tamaño dun dedal, o que esixe a proximidade do público moi reducido (non hai problema, xa que a peciña será repetida cantas veces sexan necesarias).
... e do planeta enteiroDespois, atoparemos agrupacións da outra beira do Atlántico, como a arxentina Asomados y Escondidos, unha habitual xa da outra gran cita anual dos títeres, Galicreques.
Huevito de ida y vuelta é unha simpática historia sobre o ciclo vital feita con títeres de mesa. Tamén da Arxentina veñen
Valeria Guglietti, coas súas sombras chinesas, e o fermoso espectáculo
Bar Tango, da Compañía Buenos Aires Títeres, realizada con Bunraku e manipulación directa. Os mexicanos
Teatro Tinglado mergúllannos no thriller cómico
Informe negro, feito con títeres de luva, e a compañía peruana
La Santa Rodilla, con Hugo Suárez, trae de novo
Manologías, unha curiosa arte corporal en que as marionetas son partes do propio corpo do actor.
E mesmo do afastado Oriente chegan titeres dispostos a arrasar: Hong Kong Puppet and Shadow Art Center (
HKPSAC), creada polo mestre Wong Fai, trae un espectáculo que mestura marionetas de fíos e títeres de mesa. Dende a India, Akar Puppet Theatre empregan monecos de fíos tradicionais do Rahastán e tamén outras técnicas máis contemporáneas:
Amar Singh Rathod reúne marionetas de fíos e outros estilos. E dende Kenia volven outros habituais dos festivais galegos, Krystal Puppeteers.
Dende que naceu hai dez anos, a compañía é unha auténtica comunidade de base, que emprega a arte dos monicreques como apoio e instrumento para campañas de educación e saúde no seu país: sobre a SIDA, a malaria, a planificación familiar... Empregan música en vivo e diversas técnicas: o moniño Libendi, protagonista de
Tears by the river, ten que abandonar a súa terra nunha época de seca e fame. En resumo, temos unha semana para gozarmos de todas as técnicas, todas as temáticas e todas as culturas nesta oitava edición do Festival Internacional de Títeres de Redondela.