Gañou por votación popular o galardón da Asociación de Usuarios de Internet á mellor iniciativa educativa
Algúns participantes no programa / Foto: Adcor
Formar a enfermos mentais e persoas discapacitadas no uso das tecnoloxías da información. Ese é o obxectivo dun programa da Obra Social de Caixa Galicia, que acaba de gañar un dos premios "Díadeinternet" organizados pola Asociación de Usuarios de Internet (AUI).
Unha das actividades deste programa foi o lanzamento de "Noticias Adcorizadas", editado pola Fundación ADCOR, e elaborado integramente por persoas con discapacidade.
Outros premiados
O proxecto galego, titulado "Internet e as novas tecnoloxías coa discapacidade en Galicia", gañou o galardón na categoría de "Iniciativa educativa". O premio foi recollido por Juan Jesús Fernández Jiménez, Responsábel de División de Caixa Galicia, nun acto celebrado en Málaga o día 17.
Bankinter (na categoría "Web Accesible"), Fundación CTIC ("Mellor iniciativa contra a fenda dixital"), Fundación Observatorio Valenciano da Sociedade Tecnolóxica e de Coñecemento ("Internet e eu") e a Generalitat Valenciana ("Mellor evento") foron os outros premiados a través dun sistema de voto en liña.