Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Israel decreta o “estado de excepción”

Novos mísiles israelís caen sobre Gaza

Un avión israelí disparou mísiles contra un automóbil na Franxa de Gaza, na madrugada deste domingo, matando a tres mozos, supostamente de Hamás.

Redacción - 12:00 20/05/2007
Unha muller palestina, tras un dos ataques do exército de Israel, este domingo en Gaza

Unha muller palestina, tras un dos ataques do exército de Israel, este domingo en Gaza

Os ataques da aviación do exército de Israel sobre Gaza continuaron na madrugada do sábado ao domingo. Tres mozos morreron polo impacto dun mísil, disparado contra o coche no que viaxaban polos militares israelís.

Fontes do exército, declararon que os falecidos pertencían a Hamás e que transportaban armas “dado o gran tamaño da explosión do automóbil”.

Outros mísiles israelís impactaron en talleres metalúrxicos que, segundo Israel, estanse a utilizar para fabricar bombas. Funcionarios médicos palestinos confirmaron a morte de catro persoas, tres delas civís.

Estado de excepción

A vaga de ataques do exército israelí está provocada, segundo afirman, en represalia polos ataques con foguetes Al Qasam por parte de militantes palestinos, na fronteira entre Gaza e Israel.

O ministro de Defensa israelí, Amir Peretz, declarou este domingo o "estado de excepción na Fronte de Guerra" -en referencia ás comunidades na fronteira con Gaza-, a través da creación dun mando especial con "autoridade adicional" durante 48 horas.

Pola súa banda, o primeiro ministro Ehud Olmert ameazou con intensificar a ofensiva se Hamás non cesaba nos seus ataques.

Cesamento do fogo

Mentres, as faccións rivais Al Fatáh e Hamás anunciaron un novo cesamento do fogo, este sábado. O portavoz de Hamás Fawzi Barhoum amosouse esperanzado sobre que a acción militar de Israel fortaleza o cesamento do fogo entre Hamás e Al Fatáh. "Aquí ninguén aceptaría loitar os uns contra os outros mentres os israelís están a bombardear Gaza", sinalou.

Durante a última semana de enfrontamento entre as dúas faccións palestinas morreron polo menos medio cento de persoas. Ao se facer efectivo o cesamento do fogo, os milicianos abandonaron as súas posicións nos teitos das casas e desbloquearon as vías de comunicación, e ambos bandos puxeron en liberdade os reféns apresados.

Ademais, os residentes aproveitaron a oportunidade para saíren ás rúas e faceren compras de alimentos e outros artigos de primeira necesidade.

Máis información no diario israelí Haaretz.


1/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: