Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Un total de 69 chalés e un hotel

Veciños e asociacións pídenlle á Xunta que anule o proxecto de urbanización en Menáncaro

Numerosas organizacións e particulares agrupados na plataforma Comunidade de Menáncaro afirman que a Xunta "pode e debe anular" o acordo plenario.

Redacción - 17:00 19/05/2007
Imaxe da Fraga de Menáncaro / Miguel A. Fernández

Imaxe da Fraga de Menáncaro / Miguel A. Fernández

Asociación ecoloxistas e veciños presentaron no rexistro da Xunta escritos dirixidos ás consellerías de Medioambiente e Política Territorial, así como á Secretaría de Presidencia, nos que reclaman que se anule e se impugne o acordo plenario que aprobou o Plan de Sectorización de Menáncaro-Serantes, o pasado 20 de abril, e que permite a construción de 69 chalés e un hotel nunha zona de importante valor ambiental.

A Comunidade de Menáncaro, integrada polas asociacións ecoloxistas ADEGA, Verdegaia, Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) e Plataforma Ártabra 21, xunto cos veciños da zona afectados polo proxecto, denuncian que a aprobación por 'silencio administrativo' do proxecto promovido pola empresa BROS Noroeste non é conforme a lei, e non respecta o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Ferrol.

A Comunidade considera que a Administración "pode e debe anular" o acordo plenario, baseándose na Lei 11/1999 de réxime local, que estabelece que a Administración ou o Estado poderán impugnar o acordo coa presentación dun recurso contencioso administrativo.

Informes desfavorábeis

Para solicitar a anulación, os afectados polo Plan de Sectorización denuncian que o proxecto urbanístico foi aprobado sen ter en conta os informes desfavorábeis de Urbanismo e Medioambiente da Xunta. En concreto, sinalan que non se considerou o informe desfavorábel da Dirección Xeral de Urbanismo, xa que non se lle notificou ningunha modificación nin un novo informe.

Do mesmo xeito, sinalan que tampouco se tivo en conta o informe da Dirección xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do 16 de outubro de 2006, no que se emprazaba ao concello a tramitar estudos de impacto ambiental e informes de Patrimonio, Augas de Galicia ou a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, que non se solicitaron.

Por outra banda, a Comunidade de Menáncaro anunciou que este luns presentarán no rexistro do Concello de Ferrol un recurso de reposición contra o acordo plenario do pasado mes de abril.


5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: