Os ríos Sil, Grande, Camba, Deva e Tea ofrecen exemplo recente de tramitación de novos encoros en zonas de alto valor natural.
Á Confederación Hidrográfica do Norte, dependente do Ministerio de Medio Ambiente, correspóndelle a xestión hidrolóxica da bacía Miño-Sil, feito que segundo critican desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza "non exime á Xunta de salvagardar a integridade dos nosos ríos".
Na opinión dos ecoloxistas, as consellarías de Medio Ambiente e de Industria deberan tomar a iniciativa e transmitirlle unha mensaxe inequívoca ás empresas: "non se autorizarán máis encoros nin minicentrais, e menos en espazos protexidos". Advirten de que non dar ese paso sería fallar ao compromiso estabelecido cando todas as formacións políticas apoiaron o texto da Lei de Protección e Conservación dos Ríos, impulsada co aval de milleiros de cidadáns que asinaran en favor da Iniciativa Lexislativa Popular en Favor dos Ríos.
Adega denuncia a existencia de novos proxectos nos ríos Grande (concello de Chandrexa de Queixa); Sil (Nogueira de Ramuín); Camba (Laza); no Deva (Arbo) e no Tea (O Covelo), todos estes en Rede Natura. Tamén critican a do Verdugo (Pontecaldelas). Ademais, non esquecer insistir na denuncia contra a que cualifican de "delirante" e "rocambolesca" obra que Iberdrola proxecta en Parada do Sil, no contorno dos Canóns do Sil.