Inspectores de incógnito descobren que o 55% das tendas de informática galegas instala copias non oficiais
Máis da metade dos puntos de venda de programas de Microsoft en Galiza instalan copias piratas. Así o revela un estudo da propia multinacional do software.
A visita dun suposto cliente
A investigación “comprador anónimo” de Microsoft consiste nun inspector que, simulando ser un cliente, vai a unha tenda de informática para que lle instalen algún programa desta compañía, por exemplo o Windows Vista. Pois ben, no 55% dos establecementos visitados en Galiza descubriuse que se vendían copias piratas, nalgúns casos sen coñecemento do cliente.
Isto sitúa a Galiza dez puntos por riba da media estatal deste índice de piratería, que é do 45%. É máis, esta porcentaxe aumentou un 10% no último ano no país, o que pon a Galiza como segunda autonomía na que máis creceu a piratería en 2006.
Os ricos piratean menos
Nas autonomías menos desenvolvidas -como Castela A Mancha ou Asturias- éde onde se instalan máis programas piratas; mentres que as máis ricas -Cataluña e Euskadi- están no extremo contrario.
Microsoft defende que, no caso de descubrir irregularidades, ofrece aos instaladores a opción de realizar un curso de formación para que deixe de infrinxir a lei. Iso si, tamén advirte que ten abertos máis de 80 preitos en todo o estado por este motivo.
A compañía non aclarou se os seus inspectores solicitan ás tendas copias piratas ou simplemente que lle instalen programas. Este é o cuarto ano que lanza esta campaña.