Galiza e o estado africano intercambian información sobre o proceso.
Un momento da xuntanza
O Goberno de Etiopía e a Secretaría Xeral do Benestar mantiveron este luns un encontro para mellorar os procesos de adopción entre Galiza e o país africano. Etiopía é o segundo país escollido polas familias do país á hora de facer unha adopción internacional, só por detrás da China. O ano pasado adoptáronse 86 nenos e nenas etíopes en Galiza e, no que vai deste ano, xa se lles asignaron a familias galegas 30 menores do país africano.
Na xuntanza mantida en San Caetano tratáronse as características específicas dos procesos de adopción co país etíope. Vicepresidencia destacou a importancia destas reunións para mellorar os procesos de adopción internacional.
Así, Benestar poderá prever de antemán se Etiopía ten previsto restrinxir as adopcións, como está a acontecer coa China, ou fomentar a chegada de crianzas con características especiais. Os representantes galegos trasladáronlles ás autoridades etíopes a necesidade de adaptar os prazos de seguimento dos adoptados.