Igalia convoca a primeira xuntanza para crear unha patronal que defenda aos que traballan con programas abertos no país
Javier Vázquez de Igalia
Mércores 23 de maio a partires das 17:30, na sala de reunións da Escola Técnica Superior de Enxeñería da Universidade de Santiago. Estes son os datos da convocatoria dunha xuntanza na que se sentarán os cimentos da primeira asociación de empresas galegas de software libre.
A iniciativa nace dende Igalia, unha firma coruñesa pioneira neste campo. O obxectivo da reunión é "designar unha comisión responsable da formación da mesma, así como definir os mecanismos de comunicación e primeiros pasos a levar a cabo" segundo explica Javier Vázquez, responsábel de negocio de Igalia no seu blog.
Críticas a algunhas actuacións da Xunta
Daniel Armendáriz, presidente de ESLE, a asociación de empresas vascas de Software Libre, explicará os resultados dunha experiencia similar que xa funciona en Euskadi.
Nas últimas semanas, as noticias das apostas de Educación e do Sergas polos programas propietarios de Microsoft teñen levantado críticas dende a comunidade galega de software libre.