"Nas comunidades autónomas con lingua propia non se pode aprender o español nas escolas", sinala Gregorio Salvador.
O vicedirector da Real Academia Española, RAE, Gregorio Salvador, criticou que "nas comunidades autónomas con lingua propia non se pode aprender o español nas escolas". Ademais, sinalou que esta situación "é máis grave" que a imposición que houbo durante o franquismo do ensino exclusivo en español.
"Impor, como se fixo na ditadura, unha lingua que falan 400 millóns de persoas, é menos grave para as vítimas do atropelo que imporlles, como se fai agora, unha lingua dun millón e medio ou de tres millóns de falantes", engadiu.
"As linguas non son iguais"
Gregorio Salvador fixo estas declaración na presentación dun seu libro, acompañado polo escritor e académico español Arturo Pérez-Reverte. "Parece mentira que non se lle poña remedio a esta situación, porque é un atentado contra os dereitos humanos", dixo.
Na súa opinión, impor a ensinanza das linguas cooficiais aos que non as teñen como idioma materno sería "volver aos tempos pasados", e engadiu que "as linguas non son iguais; serven fundamentalmente para se comunicar, e non é o mesmo unha que permita facelo con tres millóns de persoas que outra que serve para falar con 400 millóns".